NOTICIA

----

Galicia 100 relata en Vigo a cultura de Galicia a través de 100 obxectos da súa historia

O Consello da Cultura Galega inaugura o martes 24 de xaneiro ás 20 horas en Vigo a exposición “Galicia 100 Obxectos para contar unha cultura”, en colaboración con Afundación. A mostra, que recolle cen obxectos que percorren a cultura galega desde a Prehistoria ata os anos 90 do século XX, poderase ver na sala de exposicións do Teatro Afundación ata o 25 de marzo. A mostra chega a Vigo despois de itinerar por Santiago de Compostela e A Coruña.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
Galicia 100 relata en Vigo a cultura de Galicia a través de 100 obxectos da súa historia

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, inaugura o martes 24 de xaneiro ás 20 horas a exposición “Galicia 100. Obxectos para contar unha cultura”. A mostra poderase visitar na sala de exposicións do Teatro Afundación ata o 25 de marzo. A mostra chega a Vigo tras visitar Santiago de Compostela e A Coruña, onde máis de dez mil visitantes coñeceron xa esta selección de pezas. A mostra está inspirada en galardoados proxectos previos do Museo Británico, do Goberno irlandés e da Smithsonian Institution norteamericana.

Unha selección de obxectos significativos

A exposición amosa unha selección de cen obxectos, entre os que hai pezas de ámbito cotiá, como pode ser un morteiro de améndoas de mediados do século XVII, un bidón de leite que representa a evolución do sector agrogandeiro ou un pote de queimada, xunto con outros máis emblemáticos como poden ser a bandeira do Consello de Galiza ou o teodolito co que Domingo Fontán preparou o primeiro mapa científico de Galicia. Un relato da evolución da cultura galega en función da capacidade dos obxectos de explicar aspectos da identidade, o territorio, a sociedade e a cultura galegas e os seus cambios.
Vigo e o sur de Galicia está abundantemente representado en Galicia 100. Destacan as ferramentas líticas de Porto Maior, del concello de As Neves, do Paleolítico Inferior, unha ara dedicada ao deus Berobreo pocedente do monte Facho de Donón, en Cangas, unha lucerna de época romana tamén de As Neves, unha botella de Aguas de Mondariz ou diferentes exemplos da industria viguesa dos séculos XIX e XX, como latas de conserva de distintas épocas, unha máquina de coser Refrey ou unha bicicleta Delio, ou importantes medios de comunicación da época como a revista Vida Gallega, tamén editada en Vigo.

Unha lectura transversal
A exposición reúne fisicamente case setenta obxectos da selección nunha estrutura dividida en sete grandes módulos (Poder, Territorio, Comunidade, Códigos, Transicións, Redes e Trasmundo). Na mostra, as pezas agrúpanse entre si rompendo o tradicional esquema cronolóxico e buscando o diálogo e as relacións a través de épocas, das pezas entre si e delas co visitante. A proposta anima o visitante a explorar as relacións e os sentidos entre obxectos, combinando pezas de gran valor e significado histórico con obxectos cotiás e humildes do noso pasado.

Outras noticias que te poden interesar: