Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2007.- O libro AS POLÍTICAS CULTURAIS NAS SETE PRINCIPAIS CIDADES GALEGAS, editado polo Consello da Cultura Galega na súa serie “Documentos e informes”, constata o feito de que os entornos urbanos “están a tomar unha conciencia crecente da trascendencia que os equipamentos, programacións e políticas culturais en xeral representan para o cumprimento dos obxectivos de desenvolvemento social e económico”. Así o explicitou Xan Bouzada, profesor de sociología da Universidade de Vigo e director do informe. Pola súa parte, Ramón Villares, presidente do CCG, salientou a importancia “dun esforzo notable para sistematizar as políticas culturais urbanas” e anunciou outro estudio referido a todo o ámbito municipal galego, “de interese especial para a institución”, afirmou.
O traballo é o resultado dunha minuciosa pescuda promovida polo CCG xunto cunha interpretación e unha análise complementaria de carácter teórico e metodolóxico. Bases de datos culturais, elaboración propia de estatísticas orixinais, enquisas e entrevistas a distintos axentes culturais e aos responsables políticos culturais municipais permitiron “dar conta do crecente protagonismo político-cultural acadado ao longo dos últimos anos polas instancias administrativas situadas nas vilas e cidades de Galicia”. Tamén da necesidade de maiores ornamentos e infraestruturas, nuns casos, e dunha máis racional utilización noutros, para mellorar unha oferta cultural entendida “como política estratéxica de desenvolvemento local”. O traballo de campo realizaouse no ano 2005 e a redacción do informe nos primeiros meses de 2006.
FORTALEZAS E DEBILIDADES
Entre outros moitos indicadores o informe ofrece un balance dos desafíos político-culturais dos departamentos de cultura das sete principais cidades galegas xunto coas súas fortalezas e debilidades.De A Coruña destaca a elevada creación de infraestruturas culturais, educativas e deportivas e a alta dotación orzamentaria do Departamento, así como a grande especialización e complexidade na articulación e funcionamento dos servizos culturais do Concello. Como debilidades, a baixa participación das asociacións e a falta de persoal.En Ferrol resulta moi positiva a percepción da política cultural como un elemento importante de desenvolvemento urbano así como a colaboración entre o Concello e as asociacións. Bótanse en falta equipamentos, nas infraestructuras existentes e en actividades relacionadas coa imaxe e as artes plásticas e un maior apoio financieiro.Lugo mellorou as publicacións culturais e a proxección exterior e conta cun alto nùmero de asistentes aos actos, pero ten escaso orzamento dedicado á cultura e carece, por exemplo, dun teatro-auditorio de alto nivel e dun espazo grande para concertos ao aire libre.Ourense ten unha cidadanía inqueda e interesada na vida e nas manifestaciòns culturais e unha tradición histórico-cultural importante e recoñecida. Carece dunha rede axeitada de infraestructuras e necesita incrementar os orzamentos asignados a cultura.Pontevedra presenta unha continuidade coherente da política cultural e concede moita importancia á formación de públicos, e nomeadamente á infancia-xuventude e á música, pero conta con dificultades para obter recursos externos e carece dunha rede axeitada de infraestruturaqs culturais e de melloras na súa eficiencia.Santiago de Compostela ten un elevado número de infraestruturas culturais e un alto nivel de participación e de ocupación dos centros socioculturais, pero conta con escasos recursos económicos dedicados á actividade cultural e presenta tamén inadecuación das infraestruturas.Vigo -en liña de circuítos alternativos xunto con Porto e Valença- ten capacidade para xerar novos modelos e a incorporación de sensibilidades contemporáneas ás programacións culturais tivo unha desposta positiva entre o público. Pola contra, o orzamento dedicado a cultura revélase insuficiente.