NOTICIA

----

Cristina Bordas e Oli Xiráldez abordarán no Consello da Cultura Galega o estado da restauración de instrumentos históricos

A musicóloga, investigadora e profesora titular da UCM, Cristina Bordas e o artesán e restaurador de instrumentos antigos de vento, Oli Xiráldez, participarán na xornada Metodoloxía e criterios sobre restauración de instrumentos históricos. Estado da cuestión en Galicia, que terá lugar o día 15 de febreiro ás 16:30 horas no Consello da Cultura Galega. Ambos especialistas analizarán o estado e os criterios actuais de preservación do noso patrimonio musical, un patrimonio de gran valor que cómpre transmitir a futuras xeracións como testemuño material da propia historia.

O Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música do Ministerio de Cultura publicaba en 1999 o primeiro volume de Instrumentos musicales en colecciones españolas. Museos de titularidad estatal da musicóloga, investigadora e profesora titular da UCM, Cristina Bordas Ibáñez. Logo aparecerían o segundo volume (2001) e a reedición en 2008 desta obra de referencia para o coñecemento do patrimonio instrumental dos museos estatais. Trátase, ademais, dunha ferramenta básica de análise e documentación para o traballo de músicos, luthiers, historiadores da arte e museógrafos.

Cristina Bordas participará o vindeiro día 15 de febreiro na xornada sobre metodoloxía e criterios sobre restauración de instrumentos históricos. A profesora titular de Musicoloxía da Universidad Complutense de Madrid falará sobre Patrimonio instrumental e criterios actuais sobre a súa preservación. Estado da cuestión en Galicia. Xunto a ela, o restaurador, produtor de instrumentos antigos e artesán de frautas e gaitas glegas, Oli Xiráldez, abordará a restauración e conservación de instrumentos de vento antigos dende un punto de vista galego. Estes expertos permitirannos incidir na necesidade de contar con estudos previos rigorosos e documentados que favorezan o vínculo entre o obxecto e a súa historicidade e valor cultural.

A xornada, coordinada por Sergio Sieiro e Xosé V. Ferreirós, xorde do interese da Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega de sensibilizar a sociedade sobre a importancia do noso patrimonio musical instrumental. Ademais desta finalidade divulgativa, quere servir de punto de encontro de especialistas para coñecer o estado da cuestión en Galicia e debatermos sobre o futuro co fin de mellorar a comunicación entre os diferentes profesionais e a sociedade.

Máis información e inscrición na páxina do evento