----

A Mesa presenta unha ILP para regular o dereito a usar o galego no ámbito socioeconómico

A Mesa pola Normalización Lingüística presentou publicamente o pasado sábado, 18 de febreiro de 2017, a "Proposición de Lei por Iniciativa Lexislativa Popular de medidas para a garantía dos dereitos lingüísticos no ámbito socioeconómico", coa que se pretende desenvolver legalmente o dereito da cidadanía á información e á atención en galego nas relacións comerciais. A ILP conta co apoio inicial de 120 persoas destacadas de diferentes ámbitos (empresarial, sindical, académico, xurídico e cultural), e a partir de agora A Mesa iniciará unha campaña social para xuntar entre a cidadanía as sinaturas necesarias para a súa presentación no Parlamento de Galicia. Podes ampliar información sobre esta nova no web da Mesa. No xornal Praza Pública tamén podes consultar o documento co texto exacto da ILP.