Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2007.- Coas xornadas A ARQUITECTURA DESDE VIGO, previstas para os días 17 e 18 de xullo, o Consello da Cultura Galega (CCG), en colaboración coa Delegación de Vigo do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia COAG, continúa o seu programa de análise da actividade arquitectónica e cultural en Galicia na actualidade. Organizadas pola Sección de Arquitectura, as xornadas forman parte do proxecto “Cultura, arquitectura e identidade”, itinerante polas principais cidades galegas. En Vigo o lugar de acollida será o Real Clube Náutico (Avenidas, s/n).
INICIATIVA PIONEIRA
O proxecto, iniciado o pasado mes de maio en Santiago de Compostela, e continuado en Ourense e A Coruña, supón unha iniciativa pioneira no estudo da arquitectura actual en Galicia, atento ao dinamismo de cada unha das principais áreas urbanas e con referencia especial ás novas xeracións profesionais. As xornadas, abertas e interactivas, incluirán relatorios para a presentación de proxectos de diferentes arquitectos da zona e concluirán cun panel de debate no que intervirán todos os relatores.Trátase de considerar a producción arquitectónica e creativa desde unha perspectiva histórica e actual, desde a teoría e a experiencia dos profesionais. Nese sentido o retrato da arquitectura no territorio de Vigo será un pretexto para a reflexión sobre a identidade, o local e o global e a realidade extraterritorial dunha área de especial significación.
O PROGRAMA EN VIGO
As sesións de traballo de A ARQUITECTURA DESDE VIGO comenzarán o 17 de xullo ás 16´30 horas cun acto inaugural no que intervirán: Ramón Villares, Presidente do CCG; Salvador Fraga, presidente da Delegación de Vigo do COAG, e os coordinadores das xornadas, Iago Seara Morales. María A. Leboreiro e Enrique Urdiales. Logo da presentación das xornadas, a cargo do escritor e editor Victor Freixanes, chegarán os relatorios de León López de la Osa, Javier Mariño, Vilas Puente-Arquitectos, José Luís Varela Alén e Victor Rodríguez Romero. O día 18, tamén a partir das 16´30 horas, coñeceranse as exposicións de: Perfecto Cendón Domínguez, Javier Vázquez Fernández, Belinda Besada Vergara, Marister Faílde Ferreiro, Victor M. González Magdalena, Javier Franco, Vicente Pintos, Ángeles Santos, Carmen Ruiz Alarcón, Carlos Martínez González, Pablo Menéndez Paz e Xosé Carlos Rodríguez Otero. As xornadas, organizadas polo Consello da Cultura Galega, contan coa colaboración do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (delegación de Vigo).