NOTICIA

----

Nira Yuval-Davis explicará o concepto de “interseccionalidade situada” aplicada ao estudo da cultura

Mañá, xoves 9 de marzo, terá lugar ás 17:00 horas no Consello da Cultura Galega a conferencia Intersectional meanings of culture a cargo de Nira Yuval-Davis, directora do Research Centre on Migration, Refugees and Belonging (CMRB) na University of East London. Trátase da sexta sesión do ciclo Europa Fortaleza, coordinado por Ramón Máiz, centrado nos retos dos fluxos migratorios, e na resposta institucional e política da Unión Europea.

Nira Yuval-Davis, quen publicou en 1997 o libro Gender and nation, todo un clásico na produción da teoría social e política feminista, visitará este xoves o Consello da Cultura Galega para falar do marco teórico da “interseccionalidade” e das diferentes interpretacións do concepto cultura desde os Cultural Studies británicos para se deter na súa propia achega da “interseccionalidade situada” como ferramenta de análise. A experta sostén que a interseccionalidade pode ser descrita como un desenvolvemento da teoría dende o punto de vista feminista que reivindica a importancia crucial de dar conta do posicionamento social do axente social (investigador ou investigado) para desafiar o posicionamento hexemónico masculino. A autora indica que a súa contribución da “análise da interseccionalidade situada é altamente sensible ás ubicacións xeográficas, sociais e temporais dos actores sociais particulares ou colectivos examinados por ela, disputados, cambiantes e múltiples como adoitan ser”. Así, a teoría defende que as múltiples discriminacións (sexo, raza, xénero, orientación, capacidades…) se articulan nunha realidade complexa e, por tanto, cómpre analizar non só os oprimidos senón a súa relación cos grupos opresores. A aplicación da “interseccionalidade situada” permítelle, do mesmo xeito, analizar a cultura e a tradición non como algo homoxéneo e estático senón os significados da cultura son cambiantes segundo variables diversas como o tempo, o espazo e as relacións variables entre os diferentes elementos que a integran. Por tanto, conclúe, os significados da cultura mudan segundo as diferentes fronteiras e prominencias que cambian o enfoque e a súa relevancia nas diferentes perspectivas locales, temporales e escalares. Isto non significa que carezan de significado específico. Simplemente significa que non existe unha forma "obxetiva" de reivindicar este significado.

Máis sobre Nira Yuval-Davis
A profesora Nira Yuval-Davis é directora do Research Centre on Migration, Refugees and Belonging (CMRB) na University of East London. Foi presidenta do Research Committee 05 (sobre racismo, nacionalismo e relacións étnicas) da International Sociological Association, membro fundadora de Women Against Fundamentalism e da rede de investigación internacional Women In Militarized Conflict Zones. Foi membro da UK 2008 RAE (Research Assessment Exercise) e do 2014 REF (Research Excellence Framework) nos subpaneis de socioloxía. Actuou como consultora para diversas organizacións, ONGs e dos dereitos humanos como UNDP, UN Special Rapporteur on Violence Against Women, Amnesty International, AWID e a internacional Investigative Women’s Delegation ‘Justice in the Gujarat’. Editora da serie de libros The Politics of Intersectionality de Palgrave MacMilan. Nira Yuval-Davis escribiu amplamente sobre aspectos teóricos e empíricos de nacionalismos interseccionais, racismos, fundamentalismos, cidadanías, identidades, pertenzas e relacións de xénero en Gran Bretaña e Europa, Israel e outras sociedades de colonos. No importante proxecto de investigación ESRC utilizou técnicas de teatro participativo como metodoloxía de investigación para traballar cos refuxiados do este de Londres. Colaborou no recente proxecto da UE "Borderscapes", onde liderou un equipo internacional, examinando a fronteira cotiá nas cidades metropolitanas e as diferentes zonas fronteirizas europeas desde una perspectiva interseccional.
Texto da intervención e inscrición dispoñibles xa no web institucional
A conferencia será impartida en inglés. Na quenda de preguntas, Guadalupe Jiménez profesora de Antropoloxía Social da Facultade de Filosofía da USC fará de intérprete para facilitar as intervencións do público.

As persoas interesadas poden acceder ao texto íntegro da intervención de Nira Yuval-Davis e solicitar a inscrición para asistir ao coloquio en:
http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200537

Outras noticias que che poden interesar