----

O FalaRedes 2017 bota a andar homenaxeando a Carlos Casares

A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia botou a andar a sexta edición do programa FalaRedes, que este ano se inaugura coa actividade A galiña azul, unha adaptación teatral do libro de relatos homónimo escrito por Carlos Casares, autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2017. O espectáculo, destinado a público de 6 a 10 anos e ás súas familias, contén cinco historias nas que se transmiten mensaxes de defensa da diversidade lingüística, a importancia das diferenzas ou a liberdade de expresión. A actividade percorrerá 21 concellos galegos durante os meses de marzo e abril. O programa FalaRedes 2017, deseñado para fomentar a oferta de lecer en galego nos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística, irase completando con outras actividades ao longo do ano, das que se dará conta no Portal da Lingua Galega.