----

Cincuenta persoas asisten ás xornadas "Xénero e Documentación", que mañá concluirán no Consello da Cultura Galega

Cincuenta persoas asisten ás xornadas

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2007.- A transversalidade é a idea que informa o V Plan do Goberno Galego para a Igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes 2007-2010 e así o puxo de manifesto Carme Adán, Secretaria Xeral de Igualdade, na súa intervención nas xornadas “Xénero e Documentación”, inauguradas onte no Consello da Cultura Galega (CCG). As sesións continuarán na mañá de hoxe coas intervencións de representantes do Instituto Andaluz de la Mujer e do Institut Catalá de les Dones e concluirán pola tarde coa intervención de Annamaría Tagliavini, da Biblioteca Italiana delle Donne di Bologna.

TRANSVERSALIDADE

Organizadas pola Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega, as xornadas, ás que asisten unhas cincuenta persoas, foron inauguradas polo presidente da institución, Ramón Villares, quen louvou o traballo realizado pola referida comisión, que coordina María Xosé Agra, profesora da Universidade de Santiago. “Un traballo importante, de carácter transversal no CCG e na cultura galega”, dixo Villares.Esa idea de transversalidade foi formulada tamén por Carme Adán na súa intervención sobre “Legislación e xénero”, ao explicar a estructura e os obxectivos do Plan para a Igualdade de Oportunidades. Entre eles, a creación dunha rede galega de Centros de Documentación de Xénero, apoiándose nas bibliotecas públicas, nos concellos e nos centros de ensino.O plan pretende o deseño de políticas públicas desde a perspectiva de xénero e garantir o acceso, en igualdade de oportunidades, das mulleres á información e aos recursos públicos e privados, por citar só algunhas das súas finalidades, que deberán ser avaliadas por un grupo de traballo interdepartamental, creado ao efecto.

CIDADANÍA E IGUALDADE

María Xosé Agra, na súa ponencia “Cidadanía e igualdade” afirmou que a loita pola inclusión, ou contra a exclusión das mulleres como cidadás e, logo da consecución do voto, pola participación política e en contra da “cidadanía de segunda” ven ser “o elemento de reclamación que configura as linguaxes da cidadanía no debate feminista pero que simultáneamente comporta a intervención na construción da cidadanía”.Logo do relatorio de Cristina Justo (Universidade da Coruña) sobre “Feminismo e estudos das mulleres”, na sesión da tarde Corona Rodríguez e Carmen Couceiro falaron, respectivamente, da “Experiencia de animación sociocultural desde unha biblioteca de mulleres-Centro de Documentación Alecrín-Vigo) e “As mulleres e as súas iniciativas lectoras: a biblioteca de Santa Cruz de Oleiros”.Carmen Pérez Pais, profesora da Universidade da Coruña e integrante da Comisión de Igualdade do CCG, falou despois do “Mapa de fontes de información para estudos de xénero” e Marián Mariño Costales, técnica desa comisión, explicou o traballo realizado para a preparación do Álbum de Mulleres, unha realidade documental e visual que pode ser consultada en http://www.culturagalega.org/album ou tamén a través de www.consellodacultura.org

EXPERIENCIAS CATALANA, ANDALUZA E ITALIANA

A sesión do venres, 22, estará dedicada, ao longo da mañá, a coñecer dúas importantes experiencias de funcionamento das unidades de información e documentación sobre mulleres e xénero. As relatoras serán Aurelia Daza (Centro de Documentación María Zambrano. Instituto andaluz de la Mujer. Junta de Andalucía) e Monserrat Argente (Centre de Documentació de l´Institut Catalá de les Dones. Generalitat de Catalunya). Xa pola tarde, Annamaria Tagliavini, da Biblioteca Italiana delle Donne de Bologna, falará da experiencia da Biblioteca Italiana das Mulleres. “Entre a memoria e o futuro: aspectos organizativos, de xestión e estratégicos”. A clasura das xornadas está prevista para as 19´30 horas.