NOTICIA

----

Un gran coro de cincocentos nenos participará en Mondoñedo no concerto No bico un cantar

A praza da Catedral de Mondoñedo será o escenario da quinta edición de “No bico un cantar”, unha iniciativa que ten un marcado carácter didáctico e cultural organizada polo Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia. O concerto foi presentado hoxe na Casa do Concello mindoniense polo presidente do Consello da Cultura Galega Ramón Villares; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; Maximino Zumalave, director artístico do concerto e Elena Candia, alcaldesa anfitrioa. A cita xuntará en Mondoñedo o vindeiro 2 de xuño ás 17:30 horas un gran coro de medio milleiro de nenas e nenos chegados dos conservatorios profesionais de música de Galicia para cantar a Álvaro Cunqueiro, A. Noriega Varela, Manuel Leiras Pulpeiro, Aquilino Iglesia Alvariño e Xosé Díaz Jácome.
Un gran coro de cincocentos nenos participará en Mondoñedo no concerto No bico un cantar

O programa musical desta quinta edición de “No bico un cantar” está conformado por cinco poemas de autores mindonienses. Trátase de “No niño novo do vento” de Álvaro Cunqueiro, composta por Luis Emilio Batallán; "Froliñas dos toxos" de A. Noriega Varela, composta por Eduard Toldrá e "O neno durmía" de Xosé Díaz Jácome, musicada por Antonio Paz Valverde. Canda elas, e como vén sendo habitual, o Consello da Cultura Galega encargou a composición musical, neste caso de dous poemas, a un creador galego novo. “Neniae” de Aquilino Iglesia Alvariño e “¡Non o sei!” de Manuel Leiras Pulpeiro foron as obras escolleitas polo santiagués Nico Casal -autor da banda sonora de “Stutterer”, mellor curtametraxe de ficción nos Óscar de 2016- para as súas composicións musicais. O concerto do día 2 de xuño na Praza da Catedral de Mondoñedo será a súa estrea absoluta.

Baixo a dirección de Maximino Zumalave
O recoñecido pianista, director e membro do Consello da Cultura Galega, Maximino Zumalave, repite como responsable artístico deste proxecto que xuntará preto de cincocentos nenos e nenas chegados de diferentes conservatorios profesionais e escolas de música de toda Galicia. Canda el, tamén repite o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba) ao que se incorpora un músico para conformar un sexteto. As nenas e nenos que participan na actividade pertencen aos CMUS Profesionais da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Viveiro, ao Coro Ángeles de Compostela da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela e ao Coro de nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia. Durante a xornada, os nenos participarán no ensaio do concerto no Seminario de Mondoñedo e farán distintas visitas que lles permitirán coñecer a que fora unha das sete capitais do Antigo Reino de Galicia, “cunca deleitosa onde todo frolece”.

Quinta edición
Unha frase Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e a Consellería de Cultura e Educación que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer a poetas recoñecidos da nosa terra pero desde un punto de vista musical. Nese ano, cando se cumprían o 150 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista deste concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova co canto a Curros Enríquez e viaxou a Cangas en 2016 nos versos dos trobadores medievais, cunha parada na Arousa en 2015 para homenaxear a Ramón Cabanillas en Cambados.

Ligazóns relacionadas
No bico un cantar 2017

Fotografía:
María Carmen Gueimunde González, xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega; Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo; Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia e Maximino Zumalave, director artístico do concerto