NOTICIA

----

Paul Bilbao: O Protocolo de Donostia é unha folla de ruta consensuada con medidas concretas para garantir os dereitos lingüísticos

O Protocolo para a garantía dos Dereitos Lingüísticos. Exemplo de empoderamento da sociedade civil é o título da conferencia coa que Paul Bilbao, secretario xeral de Kontseilua, abriu os XIX Encontros para a Normalización Lingüística, organizados anualmente polo Consello da Cultura Galega. O experto vasco relatou o traballo realizado durante ano e medio por un cento de entidades de toda Europa para elaborar un protocolo con 185 medidas que se deben adoptar para garantir os dereitos lingüísticos recollidos na Declaración de Barcelona de 1996. Este documento, asinado en Donostia en decembro de 2016, subliñou, evidencia o empoderamento da sociedade civil que o fixo posible.
Paul Bilbao: O Protocolo de Donostia é unha folla de ruta consensuada con medidas concretas para garantir os dereitos lingüísticos

Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega; Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística e Rosario Álvarez, coordinadora das xornadas, inauguraron esta tarde os XIX Encontros para a Normalización Lingüística organizados anualmente polo Consello da Cultura Galega e que nesta ocasión levan como lema Dereitos lingüísticos: unha garantía pendente? A continuación, Paul Bilbao Sarria, secretario xeral de Kontseilua, entidade que aglutina corenta asociacións e entidades que traballan a favor do éuscaro, relatou o traballo realizado por 120 axentes de trinta comunidades lingüísticas europeas para consensuar o Protocolo para a Garantía dos Dereitos Lingüísticos, presentado en Donostia en decembro de 2016. Este Protocolo, indicou, elaborouse con motivo da Capitalidade Cultural Europea de Donostia 2016 e supón unha ponte coa Declaración de Barcelona de 1996, un documento que recollía por vez primeira os dereitos lingüísticos que se deben recoñecer ás persoas e ás comunidades. Como novidade, o Protocolo de Donostia establece unha folla de ruta con medidas concretas que se deben adoptar para garantir eses dereitos. As 185 medidas agrúpanse en apartados vinculados cos principios xerais, administración pública, educación, ámbito socioeconómico, onomástica, medios de comunicación, novas tecnoloxías e cultura.

Pola súa parte, Marcos Maceira, da Mesa pola Normalización Lingüística falou sobre a liña do galego, unha liña aberta que permite denunciar casos de discriminación lingüística e presentou o informe 2017, que recolle as estatísticas desta liña e reflite a falta de coñecemento das falantes dos seus dereitos lingüísticos.

Administración, educación, sanidade
Trala sesión sobre dereitos lingüísticos estableceuse o debate en torno ao ámbito da Administración. Da normalización lingüística como competencia municipal e da recentralización de servizos á cidadanía e lingua falaron representantes do concello de Pontevedra e Vigo. Para o venres 21 de abril está prevista a reflexión sobre o ámbito do ensino e da sanidade. Sobre os dereitos lingüísticos como principio de atención á diversidade disertará María Montserrat Castro Rodríguez da Facultade de Ciencias da Educación da UDC. A continuación establecerase un coloquio sobre formación profesional: experiencias educativas e mercado laboral no que intervirán María Carmen Teijido López (ámbito sociosanitario), Carlos Blanco Arca (electricidade e electrónica), Manel Oliveira Ozores (hostalaría e turismo) e Marina Quelle Cuadrado (formación e orientación laboral). No ámbito da sanidade participarán Marta Mariño Martínez do Hospital Álvaro Cunqueiro e Álvaro Lamas Baños do centro de saúde de Matamá para falar Da saúde da lingua á lingua na sanidade.

Crear contextos e Artesa 2017
Os XIX Encontros destinan un espazo propio á presentación e difusión de iniciativas e experiencias normalizadoras. As sesións Crear contextos permiten coñecer as propostas de traballo cara á normalización lingüística de Carlos Negro (poesía), Rosalía Fernández Rial (expresión dramática), Xurxo Fernandes e Pedro Lamas (música de trasfondo).
Por outro lado, durante os XIX Encontros pode visitarse nos corredores do Consello da Cultura Galega a Artesa 2017, unha mostra de recursos normalizadores.
A recente aprobación do Protocolo de Donostia (2016), o vixésimo aniversario da Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos (Barcelona 1996) e o cuarto de século da Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias (Estrasburgo 1992) deron pé a estes Encontros para reflexionar sobre a situación actual dos dereitos lingüísticos e, ao tempo, contribuír á celebración destas efemérides. As xornadas, nas que colabora a Secretaría Xeral de Política Lingüística, estanse a emitir en directo dende o web institucional www.consellodacultura.gal.

Información co programa: http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200556