O castelo da Rocha Forte, un exemplo da implicación da veciñanza na recuperación patrimonial

O duodécimo encontro monográfico sobre patrimonio cultural que vén organizando a Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega analizará este xoves “O Castelo da Rocha Forte: entre o presente e o futuro dun xacemento arqueolóxico”. Na xornada participarán arqueólogos, veciños da Asociación Cultural Rocha Forte e representantes municipais para coñecer o labor da asociación, analizar os resultados das últimas intervencións e debater sobre a súa xestión patrimonial.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Fortaleza e residencia arcebispal situada na entrada á cidade de Santiago de Compostela mencionada por primeira vez no século XIII, un dos castelos máis espectaculares de Galicia no momento da súa construción, atacado gravemente na Gran Guerra Irmandiña e desmontado polo propio arcebispado, quen levou as súas pedras a outras propiedades eclesiásticas a partir de 1471. Esta é a síntese do que ata o momento sabemos sobre o Castelo da Rocha Forte, pero hai moitos outros datos que poderemos coñecer na xornada que mañá, xoves 27 de abril a partir das 16:30 horas, terá lugar no Consello da Cultura Galega baixo o título “O castelo da Rocha Forte. Entre o presente e o futuro dun xacemento arqueolóxico”. Nas últimas décadas o castelo foi froito de diversas intervencións arqueolóxicas e investigacións que permitiron comprender a súa evolución e proceso de abandono; e, xa máis recentemente, dunha importante intervención de posta en valor. María José Bóveda Fernández, arqueóloga que traballou nesta intervención integral do ano 2013, falará dos datos obtidos. Un deles, que o castelo cumpriu ben o seu labor defensivo durante dous séculos da convulsa Idade Media xa que sufriu duros ataques en varios momentos, non só a man do irmandiños. Ademais, constatouse a existencia -xa anunciada documentalmente no Preito Tavares Fonseca- dun terceiro recinto amurallado que podería ofrecer información relevante sobre o xacemento.

Alén desta perspectiva arqueolóxica, na xornada participarán Carlos Delgado e Suso Noya, membros da Asociación Cultural Rocha Forte, creada en 1999 co obxectivo de recuperar e valorar socialmente os restos dun castelo que estivo esquecido durante moito tempo, pero gozou de grande aprezo da veciñanza. Esta iniciativa cidadá logrou que se levasen a cabo varios proxectos de investigación, excavación, recuperación e posta en valor do castelo, polo que supón un exemplo claro de implicación da veciñanza na valorización patrimonial. Xunto a eles, Dolores Cerqueiro, arqueóloga municipal do Concello de Santiago e María del Mar Bóveda, especialista en divulgación do patrimonio establecerán un debate arredor da problemática actual do castelo e explorar vías na súa xestión futura.

Visita ao Castelo da Rocha Forte o sábado 29 de abril
Para poder comprobar in situ os resultados das últimas investigacións e intuír as vías de traballo futuro, o sábado 29 de abril realizarase unha visita guiada no Castelo da Rocha Forte da man da arqueóloga María José Bóveda. Para asistir á visita, que se realizará entre as 10:30 e as 13 horas, haberá que anotarse na xornada do día 27 de abril no Consello da Cultura Galega.
< href="http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200551">Máis información e inscrición no encontro.