NOTICIA

----

Antonio Najarro, director do Ballet Nacional de España, ofrecerá un seminario no Consello da Cultura Galega con motivo do Día da Danza

A Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega organiza a xornada “A encrucillada na danza na actualidade” que terá lugar mañá, mércores 26 de abril. O encontro consistirá nun seminario pola mañá de Antonio Najarro, director do Ballet Nacional de España e nunha mesa redonda pola tarde coa presenza de Mercedes Suárez, Cosme Marina e María José Alemany, que analizarán a danza dende o punto de vista artístico, académico e da xestión. Con esta xornada o Consello da Cultura Galega súmase aos actos de conmemoración do Día Mundial da Danza que se celebra o próximo sábado.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A xornada, coordinada por Eva Faraldo, dará comezo mañá, mércores 26 de abril ás 11:00 horas, co seminario de Antonio Najarro titulado A mirada da danza española. Antonio Najarro é bailarín e coreógrafo, formado polos máis prestixiosos mestres de danza en todos os estilos: ballet clásico, escola bolera, clásico español, folclore, flamenco e danza contemporánea. Matrícula de honra en Danza Española no Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma de Madrid, interpreta como primeiro bailarín coreografías dos mestres Rafael Aguilar, Antonio Gades, Alberto Lorca, Mariemma, José Antonio Ruiz e José Granero, entre outros. É nomeado director do Ballet Nacional de España (BNE) en abril de 2011, incorporándose á compañía o 1 de setembro de 2011. Ao longo da mañá, Najarro ofrecerá unha ampla e completa visión da situación da danza española na actualidade. Tratará aspectos como a evolución da súa traxectoria artística, a xestión e proxección da súa compañía privada, a evolución da súa creación coreográfica e na patinaxe artística sobre xeo, o seu proxecto na dirección do BNE ou estratexias de liderado e proxección internacional.

Pola tarde, a partir das 16:30 horas, está prevista a mesa de relatorios A encrucillada da danza na actualidade: situación, xestión, profesión. Nela, profesionais de nivel estatal e autonómico, establecerán unha reflexión que nos permita abordar a importancia da danza como motor de cambio e crecemento persoal, así como dinamizadora na sociedade en que vivimos dende o punto de vista creativo, académico, programático e de xestión. Mercedes Suárez, directora do Centro Coreográfico Galego, falará da situación da danza en Galicia a través do Centro Coreográfico Galego. Cosme Marina, programador do Festival de danza de Oviedo disertará sobre A busca dun modelo integrador da danza desde o sector público: o exemplo de Oviedo e, finalmente, María José Alemany, profesora do Conservatorio Superior de Danza de Valencia abordará os estudos de danza: presente e futuro-.

Máis información e inscrición