----

O Consello da Cultura Galega celebra a Carlos Casares cunha edición especial de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

O Consello da Cultura Galega presentou a edición conmemorativa do Día das Letras Galegas 2017 da obra teatral infantil As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, escrita por Carlos Casares. Villares, que estivo acompañado de Christian Casares, fillo do autor, e de Montse Pena, autora do estudo introdutorio. Villares tamén presentou outras accións conmemorativas do autor, coma o Concerto das Letras que se celebrará en Ourense (16 de maio) e Compostela (18 de maio).
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:
O Consello da Cultura Galega celebra a Carlos Casares cunha edición especial de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

Ramón Villares agradeceu a colaboración da familia de Carlos Casares e á fundación por permitir a reedición en edición non venal de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. O Presidente do CCG salienta de Carlos Casares a súa dimensión de “intelectual na praza pública”, que foi quen de “conectar cos lectores desde unha posición fundada en principios morais moi constantes: antidogmatismo, galeguismo de natureza socialdemócrata, escepticismo vital e unha gran confianza nos individuos e na súa capacidade de superar a intolerancia”. Villares considera que a aposta pola literatura infantil e xuvenil “ten un evidente trazo de militancia cultural, desde a conexión co asociacionismo da época ata a convicción de que era preciso asegurar un porvir para a lingua galega desde os primeiros lectores”.

A edición realizada polo CCG das Laranxas está disposta nun estoxo no que, por unha banda, se atopa a edición da obra teatral, co prólogo de Ramón Villares e o estudo de Montse Pena, e vén acompañada de láminas coas ilustracións orixinais de Luís Seoane, algunhas delas pensadas como deseños escenográficos para a representación da obra, que, Ademais, tivo lugar na primeira Mostra de Teatro de Ribadavia en 1973.
Unha coidada edición

Christian Casares, fillo do autor homenaxeado nas Letras Galegas, agradeceu ao CCG a “iniciativa de edición do libro que, Ademais, casa moi ben co gusto do meu pai, como editor, polas edicións moi coidadas. No seu traballo el tamén tentaba conseguir libros cun gran acabado”. Christian Casares tamén sinalou que a reprodución especial das láminas de Seoane teñen para a familia “un gran valor sentimental, xa que as orixinais sempre estiveron colgadas na nosa casa nun lugar preferente”. Hoxe as orixinais poden verse na exposición itinerante sobre o escritor que promove a Fundación Carlos Casares.

O sentido literario das Laranxas
Para Montse Pena Presas, autora do estudo introdutorio á obra, sinalou que “Casares non tiña un interese especial na literatura infantil e xuvenil, senón que a vía como un espazo ideal para pular pola normalización lingüística e como un espazo para xogar e experimentar, literariamente falando”. Para Pena, as primeiras obras infantís “teñen un pouso social importante, que non se aprecia nun primeiro momento, pero que está aí. A procura da tolerancia é evidente nas dúas, xa sexa como defensa da diferenza (galiña azul) como condena á violencia (as laranxas). Grazas ao emprego do humor e do absurdo, libéraas dunha carga didáctica que censuraba”.

Concerto das Letras 2017
O acto tamén valeu para presentar o Concerto das letras 2017 que, este ano, como principal novidade se celebrará en dúas cidades: en Ourense o día 16 de maio (Auditorio Municipal) e en Compostela o día 18 de maio (Auditorio de Galicia). O concerto, organizado polo Consello da Cultura Galega, contará coa Real Filharmonía de Galicia baixo a dirección de Maximino Zumalave, que actuará co Coro Novo da Orquestra Sinfónica de Galicia coa dirección de Daniel García Artés. O programa do concerto contará con pezas de Pascual Veiga, Xoán Montes, Granados, e a estrea absoluta da peza A formiga, con letra de Carlos Casares, e música de Rubén Vizcaíno, Ademais dunha selección da Cantata das Cantigas, con letra de Ramón Cabanillas e música de Rogelio Groba. Nos dous casos, a entrada é libre e gratuíta ata completar a capacidade da sala. As entradas estarán a disposición do público no despacho de billetes dos auditorios o propio día do concerto a partir das 18 horas.

Pode descargar a publicación aquí