Estas xornadas abordan unha cuestión de actualidade no ámbito das institucións da memoria, que é o territorio do crowdsourcing e a colaboración aberta dos cidadáns no ámbito das institucións documentais e os museos. Estas novas modalidades presentan numerosos desafíos de cara a xestión futura das institucións da memoria e a delimitación dos ámbitos de traballo profesionais e participativos nestas entidades.
Organizadas pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais (CCG) e coordinadas por Bieito Pérez Outeiriño, Gabriel Quiroga Barro e Concepción Varela Orol, as xornadas contarán coa participación de expertos e profesionais involucrados en proxectos e procesos participativos documentais de todo o Estado. Estes son Eugenia Serra (Biblioteca de Catalunya), M.Luz Retuerta (Arxiu Comarcal del Baix Llobregat), Carolina García Borrazás e Teresa García Domínguez (Arquivo de Emigración do CCG), Anabella Barroso Arahuete (Arquivo Histórico Eclesiástico de Bizkaia), Pere Freixa (Universitat Pompeu Fabra), Tomás Saorín (Universidad de Murcia, Wikimedia España), Manuel Gago (Consello da Cultura Galega), Adelaida Ferrer (Biblioteca Universidad de Barcelona) e Covadonga Pitarch (Museo Sorolla).