Unha xornada analiza o estado de conservación das vías romanas

Un novo encontro monográfico sobre patrimonio cultural coordinado por Carlos Nárdiz abordará o estado e a necesaria protección das vías romanas en Galicia. Organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega, o encontro terá lugar mañá, martes 23 de maio a partir das 16:15 horas baixo o título “O estado actual das vías romanas en Galicia e a necesidade dunha maior protección” e contará coa presenza dos expertos Carlos Nárdiz, Fermín Pérez Losada, César Parcero Oubiña, Santiago Ferrer e Manuel Chaín
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

O patrimonio das vías romanas en Galicia e a identificación dos seus trazados veñen sendo temas de estudo dende a segunda metade do século XVIII e, xa nos anos 70, 80 e 90 do século XX, coas identificacións máis correctas dos trazados e a escala axeitada tanto nos restos arqueolóxicos, entre os que se atopan os epigráficos ou os arquitectónicos, como nas pontes. Aínda así, máis aló da Vía Nova, a pegada da traza da vía romana en Galicia segue sendo obxecto de debate, onde os criterios arqueolóxicos teñen que sumarse aos da enxeñaría, e incluso ás novas posibilidades de lectura do territorio que permiten a cartografía ou as tecnoloxías xeoespaciais. Fronte á protección do territorio histórico dos Camiños de Santiago, a traza das vías romanas, polas características dispersas dos restos atopados, non tiveron ningún tipo de protección, o que determinou a desaparición recente dunha parte importante dos restos conservados, e

incluso a localización na propia traza de determinadas instalacións. Debater sobre o estado das vías romanas en Galicia e necesidade dunha maior protección será o obxecto deste Encontro. Abrirá a xornada o coordinador Carlos Nárdiz cunha reflexión xeral sobre o patrimonio das vías romanas en Galicia. De seguido, Fermín Pérez Losada falará sobre a interpretación da rede viaria romana a partir dos aglomerados secundarios e César Parcero sobre a contribución dos modelos informáticos para a análise dos trazados das vías romanas. Santiago Ferrer, pola súa banda, tratará a protección da Vía XVIII en Galicia e, finalmente, Manuel Chaín achegará os instrumentos na Administración para a protección.

Encontros monográficos
A Sección de Patrimonio e Bens Culturais, coordinada por Rebeca Blanco Rotea puxo en marcha en 2016 os Encontros monográficos co Patrimonio Cultural, xuntanzas abertas á cidadanía que poñen o foco sobre diferentes proxectos relacionados con bens patrimoniais que se están a desenvolver en Galicia e que resultan de interese xeral polo seu alcance, resultados, singularidade, repercusión pública ou conflitividade. Os anteriores encontros centráronse no Guidoiro Areoso, Turismo e Camiño de Santiago, Arqueoloxía das igrexas altomedievais e o proxecto EMCHAHE, a ampliación do Museo das Peregrinacións, Romanarmy.eu (estudo e divulgación da presenza romana no Noroeste peninsular), o xacemento de Cova Eirós, dúas intervencións en xacementos romanos de Vigo e Lugo, o programa Monumenta; a profesión arqueolóxica e o seu futuro; Castro Baroña; a restauración de San Martiño Pinario e o castelo da Rocha Forte.

Máis información e inscrición neste encontro en: http://consellodacultura.gal/evento.php?id=200572

Outras noticias que te poden interesar: