NOTICIA

----

“No bico un cantar” xuntará mañá en Mondoñedo un gran coro infantil para cantar os poetas senlleiros

As cancións de poetas mindonienses como Álvaro Cunqueiro, Aquilino Iglesias Alvariño ou Manuel Leiras Pulpeiro protagonizan a quinta edición de “No bico un cantar”, un concerto de carácter didáctico e cultural que xunta música, poesía e mocidade. A cita contará coa presenza de Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura, e Elena Candia, alcaldesa de Mondoñedo. A cita xuntará na praza da Catedral, ás 17:30 horas, un gran coro de cincocentos nenos e nenas chegados dos conservatorios profesionais e das escolas de música de toda Galicia, dirixidos por Maximino Zumalave. Nel estrearase a versión musical dos poemas “Neniae” e “¡Non o sei!” a cargo do compositor compostelán Nico Casal.

Son xa cinco as edicións deste concerto e cinco os poemas seleccionados para homenaxear a vizosa colleita dos poetas máis senlleiros de Mondoñedo. Xunto a Álvaro Cunqueiro na versión popularmente coñecida de Luis Emilio Batallán, as terras de Merlín sentirán os versos de Xosé Díaz Jácome nun arrolo sentido no colo da noite, a beleza da “Neniae” de Aquilino Iglesia Alvariño (“Quén o seu bérce anainar, ha de ter a mau lixeira: ha de pillar unha ròsa sin abalar a ròseira”), o berro agrarista de Manuel Leiras Pulpeiro e o escintilar do ouro das froliñas dos toxos de A. Noriega Varela, para rematar o programa musical coa interpretación de “Maio longo” de Rosalía de Castro, convertido en emblema ao ser sempre o poema que pecha o concerto. Esta proposta do Consello da Cultura Galega e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, este ano en colaboración co concello de Mondoñedo, conta coa dirección artística de Maximino Zumalave. O concerto terá lugar ás 17:30 horas na praza da Catedral de Mondoñedo, logo dun día de actividades lúdicas e culturais preparadas para os cincocentos nenas e nenos participantes.

Detalles desta edición
O Consello da Cultura Galega encargou, como vén sendo habitual, unha composición musical a un creador novo. Nesta ocasión o compositor é Nico Casal, coñecido por ser o autor da banda sonora de Stutterer, mellor curtametraxe de ficción nos Óscar de 2016. Casal fixo dúas pezas, unha para “Neniae” de Aquilino Iglesia Alvariño e outra para o “¡Non o sei!” de Manuel Leiras Pulpeiro. Deste xeito, O Consello da Cultura Galega continúa cunha liña de traballo de elaborar un repertorio musical para coros que, ademais, está dispoñible desde o web da institución.
O recoñecido pianista, director e membro do Consello da Cultura Galega Maximino Zumalave repite como responsable artístico do proxecto. Canda el, tamén volve participar o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba) ao que se incorpora un músico para conformar un sexteto. Ademais, Rosa Aneiros exercerá como mantedora.

O concerto está conformado por nenas e nenos dos Conservatorios Profesionais de Música da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Viveiro, o Coro Ángeles de Compostela da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela, o Coro de nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia e a Escola de Música Municipal “O Pallarego” de Mondoñedo. Ao longo do curso académico, todos os participantes foron preparando o repertorio nos seus respectivos centros de orixe e mañá terán o primeiro ensaio en común previo ao concerto que está previsto pola tarde.

No bico un cantar
Unha frase de Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer poetas da nosa terra pero desde un punto de vista musical. Nese ano, cando se cumpría o 150 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista deste concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova co canto a Curros Enríquez e viaxou a Cangas en 2016 nos versos dos trobadores medievais, cunha parada en Cambados no ano 2015 para homenaxear a Ramón Cabanillas.