A praza da catedral de Mondoñedo acolleu a quinta edición do concerto “No bico un cantar”. Unha proposta que se consolida no calendario do mes de xuño (desenvólvese sempre o primeiro venres deste mes) e que permite que a mocidade galega coñeza dun xeito lúdico poetas da súa terra. Nesta ocasión permitiu homenaxear a vizosa colleita dos poetas máis senlleiros de Mondoñedo: Álvaro Cunqueiro, Xosé Díaz Jácome, Aquilino Iglesia Alvariño, o berro agrarista de Manuel Leiras Pulpeiro e o escintilar do ouro das froliñas dos toxos de A. Noriega Varela, para rematar o programa musical coa interpretación de “Maio longo” de Rosalía de Castro, convertido en emblema ao ser sempre o poema que pecha o concerto.
Esta proposta do Consello da Cultura Galega e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contou este ano coa colaboración do Concello de Mondoñedo. A actuación dirixida por Maximino Zumalave, puxo o peche a un día de actividades lúdicas e culturais preparadas para as cincocentas nenas e nenos participantes. Ademais, emprazouse a todos os participantes á vindeira edición, na que soarán alalás e terá lugar en Betanzos.
Detalles desta edición
O concerto que tivo lugar este serán supuxo a estrea de dúas pezas que o Consello da Cultura Galega encargou a Nico Casal. Coñecido por ser o autor da banda sonora de Stutterer, mellor curtametraxe de ficción nos Óscar de 2016, Casal fixo dúas pezas, unha para “Neniae” de Aquilino Iglesia Alvariño e outra para “¡Non o sei!” de Manuel Leiras Pulpeiro. Deste xeito, o Consello da Cultura Galega continúa cunha liña de traballo de elaborar un repertorio musical para coros que, ademais, está dispoñible desde o web da institución.
O recoñecido pianista, director e membro do Consello da Cultura Galega Maximino Zumalave repetiu como responsable artístico do proxecto. Canda el, tamén volveu participar o grupo de metais Hércules Brass, un quinteto de diferentes instrumentos (trompeta, trompa, trombón e tuba) ao que se incorporou un músico para conformar un sexteto. Ademais, Rosa Aneiros exerceu como mantedora do acto e quixo destacar o papel que a localidade de Mondoñedo desempeñou en todos eles como “inspiración primeira que deu pé a un ronsel de obras que os consagrou como grandes nomes da literatura galega”.
O concerto estivo conformado por nenas e nenos dos Conservatorios Profesionais de Música da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Viveiro, o Coro Ángeles de Compostela da Escolanía da Catedral de Santiago de Compostela, o Coro de nenos da Orquestra Sinfónica de Galicia e a Escola de Música Municipal “O Pallarego” de Mondoñedo, que estiveron preparando o programa ao longo de todo o curso.
No bico un cantar
Unha frase Curros Enríquez a Rosalía, No bico un cantar, deulle nome a un proxecto do Consello da Cultura Galega e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que naceu en 2013 co obxectivo de dar a coñecer poetas da nosa terra desde un punto de vista musical. Nese ano, cando se cumpría o 150 aniversario do nacemento de Rosalía de Castro, a poeta de Padrón foi a protagonista deste concerto que se desenvolveu en San Domingos de Bonaval. A segunda edición trasladouse a Celanova co canto a Curros Enríquez e viaxou a Cangas en 2016 nos versos dos trobadores medievais, cunha parada en Cambados no ano 2015 para homenaxear a Ramón Cabanillas.