NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega presenta un libro que documenta os comezos da química en Galicia

O século XIX foi clave no desenvolvemento da química. As teorías científicas transformáronse en rendementos económicos no campo da agricultura, con produtores máis sabedores da produtividade vexetal que lles permitiu aumentar os rendementos da terra; tamén na industria, coa mellora dos antigos obradoiros artesáns, así como no eido da saúde humana; todo isto influíu no benestar das sociedades que acadaron niveis nunca conseguidos. Sobre esta época trata o volume “Os comezos da química moderna en Galicia e a súa proxección no século XIX. Bicentenario da fundación do Colexio de Farmacia de Santiago de Compostela (1815-2015)”, que presenta mañá mércores, ás 19:00 horas, o Consello da Cultura Galega e a Academia de Farmacia de Galicia no Salón de Graos da Facultade de Farmacia. Intervirán Francisco Díaz-Fierros Viqueira, Xosé A. Fraga e José Mª. S. Sanmartín Miguez, como autores do libro, e Manuel Puga Pereira, como presidente da Academia de Farmacia de Galicia.

Francia, Inglaterra e Alemaña foron os centros neurálxicos da revolución científica que deu orixe a química moderna a finais do século XVIII e comezos do XIX que chegou a Galicia un pouco máis tarde. Os inicios da química moderna chegaron canda os colexios prácticos da Universidade de Santiago. Foi o caso da creación do Colexio de Farmacia de San Carlos, do que se celebrou o seu bicentenario, cando os discípulos de Proust e os seguidores das teorías de Lavoisier puideron estudar e poñer en práctica os seus traballos. A publicación, enmarcada no traballo da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega, pretende facer un pequeno relato da historia da química en Galicia no século XIX segundo as diferentes especialidades nas que se aplicou ou nos centros nos que se propagou. Díaz-Fierros escribe nel dous capítulos, un para fixar o contexto temporal e outro para falar da revolución da química na agricultura. Manolo R. Bermejo fala das novas disciplinas químicas e José Mª. S. Sanmartín Míguez da farmacéutica. Ramón Cid explica a relación da química no ensino non universitario, mentres que Xosé A. Fraga analiza a relevancia do Colexio de Farmacia de San Carlos de Santiago e outras institucións de ensino da química en Galicia. Pecha a publicación Rafael Sisto cun capítulo sobre os primeiros laboratorios municipais de Galicia.

Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade
A presentación desta publicación insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, coordinada polo profesor Francisco Díaz-Fierros. Entre as súas áreas de actuación está elaborar materiais e recursos didácticos en ámbitos da natureza (o proxecto Álbum da Ciencia unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegos ou a publicación de varias bandas deseñadas como O sabor das mazás, Vivir no solo ou De quen é a auga), estudos como Informe sobre a divulgación da ciencia en Galicia (que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico) ou a xornada homónima, na que se pretendeu facer explícito o papel das ciencias na crítica á pseudociencia, á publicidade enganosa ou ás ideas, como o racismo, baseadas na ideoloxía e non nos datos científicos. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta sección.