NOTICIA

----

Unhas xornadas analizan mañá o lugar das mulleres nos arquivos públicos galegos

Custodian os arquivos públicos de Galicia documentos de mulleres ou sobre mulleres? Custodian ou interésanse por custodiar documentos vinculados co movemento feminista? Estas son algunhas das preguntas ás que quere responder a cuarta edición da xornada “Xénero e Documentación”, que organiza a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega. A cita, que terá lugar mañá xoves, será inaugurada pola coordinadora da comisión, María Xosé Porteiro, e pola coordinadora da xornada, Dolores Pereira e poderase seguir en directo a través do web da institución.

A cita pretende coñecer cal é o papel que o feminismo ou a perspectiva de xénero ocupa nos arquivos públicos de Galicia desde tres niveis: o primeiro desde os profesionais que traballan nel, para o que estará Beatriz Díaz Vázquez, arquiveira e directora do Arquivo Municipal de Oleiros; o segundo, desde a presenza da muller nos fondos, do que falará Eva García Amador, antropóloga e restauradora no Arquivo do Reino de Galicia; e o terceiro, desde os procesos de traballo e da visibilidade das mulleres, que analizará Olimpia López, que presta servizos no Arquivo Territorial da Xunta.

A perspectiva estatal chega da man de Luis Martínez García, arquiveiro, coordinador xeral de Arquivos e director do Arquivo de Castela–A Mancha, que fará un repaso cronolóxico desde o inicio do século XX ata o presente. Ademais, no transcurso da xornada expoñerase o caso concreto do “Archivo Mujeres y Géneros del Archivo Nacional de Chile”, que é unha referencia internacional na materia. Para iso estará presente a súa encargada, Francisca Marticorena.
Todos os relatores participarán nunha mesa redonda previa á clausura, que correrá a cargo da coordinadora, Dolores Pereira. Ademais, os relatorios da xornada xa se poden consultar no web do Consello da Cultura Galega, desde o que se retransmitirá a xornada en directo.

As xornadas Xénero e Documentación
Desde o ano 2007, a Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega realiza periodicamente unhas xornadas baixo o título “Xénero e Documentación” co obxectivo de pór a disposición do público información arredor desta materia. Na primeira edición editouse unha publicación dixital en CD que fixo unha achega ao tratamento documental. En 2012 tivo lugar a segunda edición, que ampliou o seu foco de actuación ao resto de España para coñecer a documentación (recuperación, conservación, posta en valor e difusión) producida por organizacións de mulleres en agrupacións autónomas e mixtas identificadas co feminismo. Nesta cita presentouse a colección especial “Recuperación da documentación e memoria do Movemento Feminista Organizado en Galicia” do Consello da Cultura Galega.