----

As Xornadas Xénero e Documentación constatan a escasa visibilidade da muller arquivos públicos galegos

O persoal que traballa nos arquivos públicos galegos é maioritariamente feminino pero escasamente visibilizado e a forma de traballar cos documentos que atesouran non incorpora unha perspectiva de xénero. Estas son algunhas das características da situación dos arquivos públicos galegos en relación coa situación das mulleres e que se analizaba na cuarta edición da xornada “Xénero e Documentación”. A actividade da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega foi coordinada por Dolores Pereira e os materiais alí presentados, así como os vídeos das intervencións, pódense consultar dese o sitio web da institución.

A cita pretendía coñecer cal é o papel que o feminismo ou a perspectiva de xénero ocupa nos arquivos públicos de Galicia. Beatriz Díaz, arquiveira e directora do Arquivo Municipal de Oleiros abriu os relatorios debuxando o panorama galego desde o punto de vista dos profesionais. Na súa intervención destacou que é unha profesión feminizada, igual que a de bibliotecaria, que ten un uso sexista da linguaxe da profesión ao afirmar que “en Galicia ningún posto técnico ocupado por mulleres se denomina en feminino e estas só se fan presentes cando se publican nomes e apelidos”. Solicitou unha maior implicación das administracións na mellora destes entes pero tamén na creación dun directorio de profesionais e lembrou o traballo de Vicenta Cortés, Antonia Heredia e Olga Gallego.

Eva García Amador, antropóloga e restauradora no Arquivo do Reino de Galicia, analizou a presenza da muller nos fondos nun período concreto, o do século XIX por ser unha etapa histórica de múltiples cambios sociais e políticos no que se excluíu as mulleres de acceso a unha personalidade xurídica, á educación, ao traballo e á esfera pública. Completou a análise á realidade galega Olimpia López, que presta servizos no Arquivo Territorial da Xunta ao facer unha análise dos procesos de traballo nun arquivo público dende a perspectiva de xénero

A perspectiva estatal chegou da man de Luis Martínez García, arquiveiro, coordinador xeral de Arquivos e director do Arquivo de Castela–A Mancha, que fixo un repaso cronolóxico desde o inicio do século XX ata o presente e constatou que, igual que a realidade galega, no resto de España a situación das mulleres nos arquivos está tamén invisibilizada. A xornada tamén serviu para coñecer en detalle como traballa o “Archivo Mujeres y Géneros del Archivo Nacional de Chile”, que é unha referencia internacional na materia que perfilou a súa encargada, Francisca Marticorena. Creado no ano 2011, esta entidade recolle documentos e materiais que van desde o doméstico ata o privado. “Arquivamos desde receitas de cociña ata outro tipo de materiais que nos permite situar o cotiá na historia” explicou Marticorena.