NOTICIA

----

Unha mesa redonda analiza a proxección exterior da nosa literatura a través da figura de Casares

Marilar Aleixandre e Bieito Iglesias participan este mércores (18:30 horas) na mesa redonda “Carlos Casares e a proxección exterior da nosa literatura”. A actividade, presentada por Dolores Vilavedra e Luís G. Tosar, está organizada polo Consello da Cultura Galega e o Centro Pen de Galicia. A cita pretende recuperar o papel que Casares, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas, desenvolveu como embaixador da cultura e da nosa literatura.

O Consello da Cultura Galega e o Centro Pen Galicia promoven esta xuntanza co obxectivo de facer un percorrido pola biografía de Casares como embaixador da cultura galega. A mesa redonda estará presentada por Dolores Vilavedra, membro do Plenario do CCG e profesora da Universidade de Santiago.

Nela falarase da dobre acción de Casares. Por unha banda, como autor, xa que moitas das súas obras narrativas coñeceron outras linguas; por citar algún exemplo, "Os escuros soños de Clío" (1979) foi traducida ao castelán (en 1984 e en 2004), ao italiano (1989) e ao alemán; ou tamén "Vento ferido" (1967), levada ao inglés (2004) ou castelán ao (2010). Pola outra, no seu papel de embaixador da cultura galega, que tamén potenciou como presidente do Consello da Cultura Galega.

Ademais, tamén se exporá a importancia que desempeñaron os Encontros en Verines, a tradicional cita literaria que se produciu na Casona do mesmo nome en Pendueles (Asturias) e na que se reunían destacados escritores e críticos literarios de toda España para debater sobre un tema común. Unha cita en que Casares estivo moi implicado e na que posteriormente o Consello da Cultura Galega, en colaboración con outros centros como o Instituto Etxepare ou o Institut Ramón Llull, tamén participou.

O Consello da Cultura Galega conta cunha liña de Acción Exterior a través da que proxecta a imaxe da cultura galega fóra das nosas fronteiras. Esta área está marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras e outras institucións pero tamén en encontros, conferencias, exposicións ou publicacións. No marco desta área de actuación participou en actividades de ámbito cultural como a Feira do Libro de Göteburgo, á que leva as súas últimas publicacións, así como unha mostra da cultura galega actual nun espazo compartido co Instituto Ramón Llul, co Etxepare e co Cervantes; ou a Líber, celebrada en Barcelona, a onde acudiu nun dobre espazo.