NOTICIA

----

O Consello da Cultura analiza mañá como se están a dixitalizar os arquivos

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle este xoves unha xornada que analiza a dixitalización dos arquivos en dúas direccións: a primeira céntrase en coñecer o proceso, e a segunda busca afondar como eses documentos xa dixitalizados se poñen a disposición da cidadanía. A cita será inaugurada por Xosé López, secretario da institución e coordinador desta xornada. Aínda que non quedan prazas dispoñibles, poderase seguir en directo a través do web da institución.

Esta actividade ten como obxectivo prioritario analizar a evolución dos procesos de dixitalización dos arquivos nos últimos anos e coñecer as tendencias actuais, así como as oportunidades que hai non só para preservar mellor os fondos, senón para difundilos e poñelos accesibles á cidadanía.

O programa
A cita arrinca coa descrición xeral do panorama, a cargo de Mercedes Caridad, da Universidad Carlos III de Madrid, que ofrecerá un estado da cuestión e das tendencias actuais. Desa mesma universidade virá Jesús Robledano Arillo cun relatorio chamado "Análises de casos de dixitalización de arquivos que resultan paradigmáticos: cara á definición dun modelo para a representación dixital do patrimonio documental”.
Ernest Abadal, da Universitat de Barcelona, falará das TIC aplicadas á documentación nos arquivos e pecha a xornada Javier Leiva Aguilera, da Universitat de Vic - Universitat Central de Catalunya, para abordar de “Os arquivos na sociedade rede e o papel do content curator”.