----

A xornada sobre dixitalización de arquivos destaca a importancia dos procesos

O plan estratéxico da administración nacional e rexistros americanos (NARA), a dixitalización do museo do Real Madrid ou do arquivo Espacio P son algúns dos casos que se analizaron esta mañá no Consello da Cultura Galega (CCG) no marco da xornada “Dixitalización de arquivos. Tendencias, procesos e plans de execución”. A cita coordinada polo profesor Xosé López serviu para destacar a importancia da tecnoloxía tanto nos procesos como nos mecanismos de difusión, así como a necesidade de establecer grupos de traballo interdisciplinares para que o coñecemento que se rexistra nos arquivos chegue á cidadanía.
A xornada sobre dixitalización de arquivos destaca a importancia dos procesos

A cita arrincou coa descrición xeral do panorama, a cargo de Mercedes Caridad, da Universidad Carlos III de Madrid, que fixo unha aproximación á situación técnica e normativa a día de hoxe. Na súa intervención, Caridad estableceu como a UNESCO, a Unión Europea e asociacións como IFLA “marcaron os camiños polos que se debía desenvolver a dixitalización marcado por normas informáticas e documentais”. Tamén explicou casos concretos nos que ten traballado e dirixido como son a dixitalización do epistolario da Condesa de Romanones, do museo do Real Madrid ou do arquivo de loterías e apostas do Estado. O profesor Jesús Robledano Arillo explicou os parámetros dun bo modelo de dixitalización e destacou a necesidade de definir previamente os criterios e requisitos técnicos, o marco de aplicación e a base filosófica que han de rexer todo o traballo. Puxo como exemplos NARA (The Strategic Plan of the National Archives and Records Administration dos Estados Unidos) e o proceso de dixitalización do Espacio P. Ademais, destacou a importancia dos sistemas de control de calidade en todo o proceso.

Ernest Abadal, da Universitat de Barcelona, falou de como a tecnoloxía, nomeadamente as TICs, pode axudar á difusión dos arquivos. Puxo o énfase en aspectos concretos como a necesidade de estar ao día, de coñecer outras realidades, que o grupo de traballo que acometa a dixitalización sexa interdisciplinar e vencellar o arquivo á estratexia da institución. Pola súa parte, Javier Leiva Aguilera, da Universitat de Vic - Universitat Central de Catalunya, pechou os relatorios cunha conferencia “Os arquivos na sociedade rede e o papel do content curator”. Nela describiu unha nova realidade marcada por conceptos como transparencia, accesibilidade, colaboración, hibridación, e difusión. Ademais, explicou o papel fundamental que ha desenvolver un content curator, é dicir, un especialista que busca, selecciona, da sentido e comparte esa información.