Un foro reúne por primeira vez representantes de todas as linguas existentes en España

Amazige, árabe dariya, aragonés, aranés, asturiano, caló, catalán, éuscaro, fala, galego, leonés e portugués son, por orde alfabética, as linguas rexionais ou minoritarias existentes en España. Representantes de todas e cada unha delas estarán presentes no "Foro de debate da Carta Europea para as Linguas Rexioniais ou Minoritarias" que o Consello da Cultura Galega organiza en colaboración co Consello de Europa. O encontro, que terá lugar os días 29 e 30 de xuño en Santiago, analiza o impacto do cumprimento da Carta en España cando se cumpren vinte e cinco anos da súa aprobación.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A Carta Europa para as Linguas Rexionais ou Minoritarias é o texto legal máis relevante para a protección e promoción das linguas minoritarias en Europa. En 2017 celébranse os vinte e cinco anos da súa aprobación, unha data que propicia este foro de debate no que se pretende facer unha avaliación das consecuencias deste documento. O encontro desenvólvese tamén con outra data relevante, como é a próxima presentación do quinto informe sobre o cumprimento da Carta que avalía o período comprendido entre os anos 2014 e 2016.

Programa
Esta cita reunirá por primeira vez a máis dunha trintena de especialistas para ofrecer un estado da cuestión do panorama lingüístico a nivel estatal. Durante dous días exporase a situación tanto das linguas sen recoñecemento oficial como das que si o teñen. Dentro destas últimas analizarase a situación no ámbito educativo, nos medios de comunicación, na xustiza e as administración, nos servizos públicos. Ademais, prestarase atención ás linguas oficiais nas actividades e servizos culturais e na vida académica e social.

No programa tamén está previsto que se aborde a monitorización do cumprimento da Carta Europea para as linguas Rexionais ou Minoritarias, para o que estará presente o xefe da Secretaría da Carta, Sixto Molina. Antes das conclusións, responsables de institucións culturais como o Consello da Cultura Galega, o Instituto Ramón LLul e o Instituto Vasco Etxepare ofrecerán unha reflexión sobre estes asuntos desde o punto de vista de traballo destas entidades responsables de velar pola cultura galega, catalá e vasca.

Antecedentes
Este Foro de Debate sitúase nunha liña de acción do Consello da Cultura Galega de establecemento de canles de traballo común con outras entidades responsables da difusión das linguas e culturas que se concreta en actividades como o seminario internacional “Estudos Galegos/Estudos Ibéricos. Alén das fronteiras”, realizado en Compostela en 2014, no que se revisou o interese e atractivo que tiñan o ensino destas linguas noutras partes do mundo e que supuxo o fito de xuntar por primeira vez os responsables dos centros encargados da difusión das linguas e culturas ibéricas: o Etxepare, o Llul, Camões e o CCG. Hai tamén outros antecedentes como os foros de debate realizados en 2008 que serviron para coñecer o peso da cultura na identidade galega e que atenderon aspectos que ían desde a comunicación ata a creación artística ou a paisaxe.