NOTICIA

----

Creadores e teóricos debaterán durante dous días os cambios recentes da industria cultural

Cos cambios tecnolóxicos mudaron tamén as formas de facer cultura. Sobre todo isto falarán creadores e teóricos como Margarita Ledo, Cristina Pato, Miquel de Moragas ou Bernardo Díaz Nosty no marco da xornada “A industria cultural galega no horizonte 2025”. O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, inaugurarán esta cita que se desenvolve ata o mércores na sede da institución e que se pode seguir en directo a través do sitio web consellodacultura.gal.

A xornada, que se desenvolve en horario de mañá e de tarde no Consello da Cultura Galega, ten unha dupla dimensión: dunha banda, busca coñecer a perspectiva panorámica e, da outra, descubrir a realidade galega. Para iso estarán presentes creadores que promoven as industrias culturais canda a profesionais que as estudan. Víctor Freixanes, Berta García e Xosé López son os coordinadores deste encontro.

Primeiro día: o marco estatal e o galego
A xornada arrinca mañá martes cos profesores Enrique Bustamante, da Universidad Complutense de Madrid; Miquel de Moragas, da Universitat Autònoma de Barcelona, e Bernardo Díaz Nosty, da Univesridad de Málaga, que ofrecerán o marco teórico. Eles situarán o panorama xeral desde unha perspectiva estatal e falarán de políticas públicas, do ecosistema comunicativo e dos cambios na comunicación. Será Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega, quen dea paso ao caso galego cun relatorio titulado “A tormenta perfecta. A industria cultural galega no escenario do século”. Séguelle Manuel Bragado para falar do mundo da edición e Xosé Ramón Pousa para expor o caso dos medios de comunicación de masas. Pecha a xornada do primeiro día Margarita Ledo e Miguel Anxo Fernández para falaren do mundo audiovisual.

Segundo día: do artista á economía da cultura
Os profesores universitarios Domingo Docampo e Berta García Orosa abren a segunda sesión da xornada con dous relatorios: o primeiro analizará os desafíos tecnolóxicos, mentres que a segunda exporá o traballo do grupo de estudos locais en comunicación (Localcom), que está formado polas universidades de Alacant, de Málaga, de Santiago de Compostela, do País Vasco, Complutense e Carlos III de Madrid baixo a coordinación da Universitat Autònoma de Barcelona.
Pola súa banda, a artista Cristina Pato falará do artista sostible do século XXI; a xornalista María Yáñez, de estratexias para novos públicos; a escritora Inma López Silva centrarase nas artes escénicas, e Agar Ledo, nas artes visuais. Pechan as xornadas Nieves Rodríguez Brisaboa, cunha conferencia sobre as industrias arredor da rede, e Francisco Campos, con outra sobre a economía da cultura en Galicia.

Antecedentes
Esta xornada enmárcase nunha liña de acción do Consello da Cultura Galega de seminarios, ciclos e foros de debate encamiñados a reflexionar e actualizar o debate sobre a evolución da sociedade rede e as transformacións na sociedade actual. Nesta dirección sitúanse actividades como “Cultura e comunicación na sociedade en rede”, na que se avogaba por unha maior difusión de contidos abertos; “Cultura e comunicación no século XXI” ou “Xogar coa cultura”.