NOTICIA

----

Expertos destacan no Consello da Cultura a importancia dos contidos e da comunicación

A necesidade dunha nova educación para saber xestionar os datos, facer un gran pacto social pola cultura e unha reorganización política do sistema de medios foron algunhas das ideas que se debateron na xornada “A industria cultural galega no horizonte 2025”. O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, destacou na inauguración a relevancia deste tipo de encontros “que dan continuidade a un traballo de cooperación institucional e onde a cultura ten un carácter transversal”. Canda el, o presidente da Real Academia Galega e un dos coordinadores da xornada, Víctor Freixanes, incidiu na necesidade deste tipo de debate para sentar piares de futuro. A xornada remata mañá mércores no CCG e pode seguirse en directo a través do web consellodacultura.gal.

A primeira sesión das xornada serviu para facer unha panorámica xeral dos últimos anos do campo da cultura e da comunicación tanto a nivel global como galego, que dará paso á concreción do segundo día analizando aspectos concretos como a investigación, a publicidade, as artes escénicas e a arte.

Unha sesión para situar o contexto actual
Enrique Bustamante abreu os relatorios explicando a batalla desenvolta durante quince anos para reivindicar a cultura como piar vital de desenvolvemento da sociedade. Na súa opinión “necesitáronse marcadores concretos para saber como se podía medir a relevancia da cultura en ámbito económicos, sociais...”. Na súa conferencia sobre a cultura global e española ante a era dixital, avanzou que en 2025 o 90% da cultura será dixital. “Perdérone 80.000 postos de emprego (dun total de 500.000), houbo unha caída do gasto público en cultura e comunicación” que cuantificou do 50% a nivel autonómico en 2016 e insistiu en reforzar a cooperación. Fixo un repaso por informes e estudos de investigación sobre gasto público en cultura que lle permitiu afirmar que “o sector sufriu pérdidas graves no último lustro que aínda non se recuperaron”. Concluíu a súa intervención solicitando un gran pacto social pola cultura.
Pola súa banda, Miquel de Moragas, da Universitat Autònoma de Barcelona fixo un repaso polos grandes fitos dos cambios neste sector e afirmou que “o que menos mudou neste tempo foron as necesidades humanas de comunicación”. Neste cambio avogou pola necesidade dunha nova pedagoxía da protección de datos e da xestións dos mesmos. Foi o profesor Bernardo Díaz Nosty quen puxo o énfase na necesidade da implicación política na reorganización do sistema de medios.

Baixo o título “A tormenta perfecta. A industria cultural galega no escenario do século”, Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega e coordinador da xornada xunto con Xosé López e Berta García Orosa, serviu de ponte entre a visión global dos teóricos e a concreción de ir vendo sectorialmente que está pasando en cada un dos ámbitos da producións en Galicia. Freixanes falou das eivas desta tormenta perfecta no noso país como son unha escasa poboación para competir nun mercado económico, o problema da dispersión xeográfica (canda a desertización de aldeas), a falta dunha política pública estratéxica e a caída de recursos financeiros (perda das caixas, Banco Pastor....).

Pola tarde Manuel Bragado situará o contexto da edición, Xosé Ramón Pousa o dos medios de comunicación mentres que Margarita Ledo e Miguel Anxo Fernández explicarán a situación actual da creación audiovisual.

Segundo día: do artista á economía da cultura
Os profesores universitarios Domingo Docampo e Berta García Orosa abrirán a segunda sesión da xornada con dous relatorios: o primeiro analizará os desafíos tecnolóxicos, mentres que a segunda exporá o traballo do grupo de estudos locais en comunicación (Localcom), que está formado polas universidades de Alacant, de Málaga, de Santiago de Compostela, do País Vasco, Complutense e Carlos III de Madrid baixo a coordinación da Universitat Autònoma de Barcelona.
Pola súa banda, a artista Cristina Pato falará do artista sostible do século XXI; a xornalista María Yáñez, de estratexias para novos públicos; a escritora Inma López Silva centrarase nas artes escénicas, e Agar Ledo, nas artes visuais. Pechan as xornadas Nieves Rodríguez Brisaboa, cunha conferencia sobre as industrias arredor da rede, e Francisco Campos, con outra sobre a economía da cultura en Galicia.