A segunda sesión das xornadas “A industria cultural galega no horizonte 2025” comezou coa exposición de Domingo Docampo, catedrático en Teoría do Sinal, que debullou un panorama positivo en Galicia: “estamos onde hai que estar e temos infraestruturas e un sector das TICs”. Na súa opinión, os desafíos pasan por “achegar as infraestruturas de banda larga a todo o país” e recoñecer que “a fenda dixital hoxe é cultural”. O perfil completouno Berta García Orosa cun relatorio no que expuxo resultados do grupo de investigación en comunicación Localcom que incidía na perda de espazo comunicativo e cultural por mor da crise do que aínda non nos recuperamos.
No campo dos contidos, o programa deu paso a Cristina Pato quen comezou a súa intervención tocando unha pequena peza para explicar como “a gaita deixou de ser un instrumento que tocaba para ser o eixe da miña carreira”. Partiu da súa experiencia persoal para debullar o perfil do artista sostible do século XXI que xunta entusiasmo, paixón, aprendizaxe continua e unha boa estratexia comunicativa. “Estamos nunha industria cambiante, se antes era una discográfica a que editaba, agora recorres ao crowfunding para financiar os teus proxectos, alén de petar en moitas outras portas” afirmou. Educadora, emprendedora, conferenciante e gaiteira, Cristina Pato ofreceu unha lección de versatilidade que, para Víctor Freixanes permite ver “as características esenciais dunha artista que estaba na nosa cultura tradicional e ofrecer a súa proxección no mundo en pé de igualdade con outras culturas”: Nesa liña tamén incidiu María Yáñez, especialista en estratexias nas redes, que afirmou que “canto máis singulares sexamos máis visibles e relevantes estaremos na rede”.
No serán, Inma López Silva centrou a situación das artes escénicas en Galicia caracterizada polo efecto da crise, pola dependencia do investimento público e moi deficitario nos públicos. Propuxo un cambio de modelo no que sexan os públicos os que sustenten o cambio. Agar Ledo ofreceu a súa análise do sector das artes visuais mentres que Nieves Rodríguez Brisaboa falou das industrias arredor da rede. Francisco Campos pechou a cita cunha conferencia sobre a economía da cultura en Galicia.
Unha sesión para situar o contexto actual
As xornadas arrincaron o martes coa análise da realidade actual. Enrique Bustamante debullou a batalla para reivindicar a cultura como piar vital de desenvolvemento da sociedade. Na súa opinión “necesitáronse marcadores concretos para saber como se podía medir a relevancia da cultura en ámbito económicos, sociais...”. Na súa conferencia avanzou que en 2025 o 90% da cultura será dixital. “Perdérone 80.000 postos de emprego (dun total de 500.000), houbo unha caída do gasto público en cultura e comunicación” que cuantificou do 50% a nivel autonómico en 2016 e insistiu en reforzar a cooperación. Fixo un repaso por informes e estudos de investigación sobre gasto público en cultura que lle permitiu afirmar que “o sector sufriu pérdidas graves no último lustro que aínda non se recuperaron”. Concluíu a súa intervención solicitando un gran pacto social pola cultura.
Pola súa banda, Miquel de Moragas, da Universitat Autònoma de Barcelona fixo un repaso polos grandes fitos dos cambios neste sector e afirmou que “o que menos mudou neste tempo foron as necesidades humanas de comunicación”. Neste cambio avogou pola necesidade dunha nova pedagoxía da protección de datos e da xestións dos mesmos. Foi o profesor Bernardo Díaz Nosty quen puxo o énfase na necesidade da implicación política na reorganización do sistema de medios.
Baixo o título “A tormenta perfecta. A industria cultural galega no escenario do século”, Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega e coordinador da xornada xunto con Xosé López e Berta García Orosa, falou das eivas desta tormenta perfecta no noso país como son unha escasa poboación para competir nun mercado económico, o problema da dispersión xeográfica (canda a desertización de aldeas), a falta dunha política pública estratéxica e a caída de recursos financeiros (perda das caixas, Banco Pastor....).
Manuel Bragado situou o contexto da edición, Xosé Ramón Pousa o dos medios de comunicación mentres que Margarita Ledo e Miguel Anxo Fernández explicaron a situación actual da creación audiovisual e cinematográfica.