Representantes de todas as linguas existentes en España reuniranse esta semana no Consello da Cultura Galega

Neste 2017 cúmprense vinte e cinco anos da aprobación da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias. Un documento clave que se analizará no marco dun foro de debate que o Consello da Cultura Galega (CCG) organiza coa colaboración do Consello de Europa. A cita terá lugar este xoves e venres e nela participarán unha trintena de especialistas que permitirá coñecer a situación de todas as linguas existentes en España. A cita poderase seguir en directo desde o web do CCG.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

Amazigue, árabe dariya, aragonés, aranés, asturiano, caló, catalán, éuscaro, fala, galego, leonés e portugués son, por orde alfabética, as linguas existentes en España. Representantes de todas e cada unha delas estarán xuntos por primeira vez nun encontro que permitirá reconstruír o mapa lingüístico do Estado e ofrecer un balance da situación actual.
Durante dous días exporase a situación tanto das linguas sen recoñecemento oficial como das que si o teñen. Dentro destas últimas analizarase a situación no ámbito educativo, nos medios de comunicación, na xustiza e nas administracións así como nos servizos públicos. Ademais, prestarase atención ás linguas oficiais nas actividades e servizos culturais e na vida académica e social.

No programa tamén está previsto que se aborde a monitorización do cumprimento da Carta Europea para as linguas Rexionais ou Minoritarias, para o que estará presente o xefe da Secretaría da Carta, Sixto Molina. Antes das conclusións, responsables de institucións culturais como o Consello da Cultura Galega, o Instituto Ramón LLul e o Instituto Vasco Etxepare ofrecerán unha reflexión sobre estes asuntos desde o punto de vista de traballo destas entidades responsables de velar pola cultura galega, catalá e vasca.

Antecedentes
Este Foro de Debate sitúase nunha liña de acción do Consello da Cultura Galega de establecemento de canles de traballo común con outras entidades responsables da difusión das linguas e culturas que se concreta en actividades como o seminario internacional “Estudos Galegos/Estudos Ibéricos. Alén das fronteiras”, realizado en Compostela en 2014, no que se revisou o interese e atractivo que tiñan o ensino destas linguas noutras partes do mundo e que supuxo o fito de xuntar por primeira vez os responsables dos centros encargados da difusión das linguas e culturas ibéricas: o Etxepare, o Llul, Camões e o CCG. Hai tamén outros antecedentes como os foros de debate realizados en 2008 que serviron para coñecer o peso da cultura na identidade galega e que atenderon aspectos que ían desde a comunicación ata a creación artística ou a paisaxe.

Outras noticias que te poden interesar: