NOTICIA

----

O Foro do Consello da Cultura destaca que estamos lonxe dos cumprimentos da Carta Europea para as linguas rexionais ou minoritarias

“É preciso un maior esforzo e unha decidida aposta gubernamental para acadar os compromisos adquiridos na Carta Europea para as Linguas Rexionais ou minoritarias” explicou Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega (CCG) na lectura das conclusións do “Foro de debate sobre a Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias”. Unha cita que xuntou, por primeira vez, a unha trintena de representantes de todas as linguas que se falan en España.

O foro rematou coa lectura dunhas conclusións provisionais que indican, en palabras de Rosario Álvarez, que “estamos moi lonxe do cumprimento dos compromisos subscritos polo goberno español coa ratificación da Carta”. As conclusións insisten na necesidade dunha maior divulgación social e recoñecemento institucional deste documento aprobado polo Consello de Europa en 1992, así como na importancia de encontros de debate para dar a coñecer a situación real de cada unha das linguas faladas.
As conclusións diferenciaron a situación das linguas oficiais – aranés, catalán (Cataluña, Illas Baleares e País Valenciano), éuscaro (Navarra e País Vasco), galego (Galicia)– da das non oficiais – amazige, árabe ceutí, aragonés, asturiano, caló, catalán (Aragón e Murcia), fala (Estremadura), galego (Asturias mais Castela e León), leonés e portugués (Estremadura)–Con respecto das linguas non oficiais, o encontro serviu para constatar a necesidade do seu recoñecemento a nivel oficial para a súa supervivencia, así como o incumprimento por parte do goberno central dos seus dereitos lingüísticos.
No caso das linguas oficiais, púxose de manifesto que as eivas detectadas no cuarto informe do Comité de Expertos (que analizou o período que vai do 2010 ao 2013) se manteñen e mesmo chegan a empeorar nalgúns casos. Tamén responsabiliza ao goberno central de non asumir como “causa propia a defensa e a promoción da diversidade lingüística” a que os obrigan os compromisos adquiridos coa ratificación da Carta. Os avances, grandes ou pequenos, que se teñen producido débense ás actuacións dos gobernos autonómicos ou locais de acordo ao seu ámbito competencial.

Dous días de debate
O Foro partía coa intencionalidade clara de dar a coñecer a existencia dun documento que protexe a todas as linguas, como é a Carta Europea paras as linguas rexionais ou minoritarias cando se cumprían dúas datas moi simbólicas: os vinte e cinco anos da súa aprobación e o próximo aniversario da súa ratificación polo estado español (que cumpre vinte anos en 2018). Un documento que abrangue a unhas oitenta linguas e que está ratificado só por 25 países.

Nas dúas primeiras sesións expúxose a situación das linguas non oficiais onde representantes de asociacións de falantes, investigadores e outros expertos describiron un panorama desigual: unhas teñen falta de uso, sobre outras ata hai algunha investigación, outras contan con diccionarios.... Con todo, os relatorios explicaron que estas linguas comparten dous denominadores comúns moi claros: a minusvaloración por parte dos gobernantes así como un incumprimento do artigo 7 da carta europea para as linguas Rexionais ou Minoritarias.

En cinco sesións abordáronse as linguas oficiais atendendo a artigos concretos da Carta: na xustiza, nas administracións, nos servizos públicos e tamén nas actividades e servizos culturais e na vida económica e social. Ademais, no foro estivo presente o xefe da Secretaría da Carta Europea para as linguas Rexionais ou Minoritarias, Sitxo Molina que explicou o funcionamento deste departamento e a monitorizacion da carta. A xornada rematou coa exposición das liñas de actuación nesta materia por parte de institucións como o Instituto Ramón LLul ou o Instituto Vasco Etxepare.