NOTICIA

----

Unha xornada analiza desde mañá o equilibrio entre turismo masivo e patrimonio

Galicia como destino turístico, nomeadamente turismo cultural, está á alza. Os últimos datos do INE constatan o incremento das noites hoteleiras na nosa comunidade nun 5,7 % con respecto ao ano anterior. Buscar un equilibrio entre a demanda turística cada vez máis numerosa e a xestión patrimonial é o obxectivo das xornadas “Turismo masivo e patrimonio”, que comezan mañá no Consello da Cultura Galega. Ramón Villares, presidente do CCG; María del Carmen Martínez Ínsua, directora xeral de Patrimonio Cultural; Nava Castro Domínguez, directora de Turismo de Galicia; Rebeca Blanco Rotea, coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, e o coordinador da cita, Carlos Nárdiz, son os encargados da inauguración dunhas xornadas que se poden seguir en directo desde o web da institución.

As últimas cifras de turismo cultural dispoñibles, segundo o Observatorio da Cultura Galega, son de 2015. Daquela chegaron a Galicia 514 000 españois a facer turismo por motivos principalmente culturais, e supuxo o 14,8 % das viaxes feitas por ocio, recreo ou vacacións. Este grupo gastou uns 180,2 millóns de euros, uns 350 € por viaxe. Os turistas culturais gastan de media máis que outro tipo de turistas e viaxeiros que visitan Galicia. Desde entón os diferentes indicadores que se rexistran revelan que estamos nun momento de expansión. Un crecemento masivo que non está exento de problemas, sobre os que falarán preto dunha vintena de especialistas arredor de tres temas concretos: centros históricos, patrimonio mundial e paisaxe cultural.

Dous días de debate
A xestión dos centros históricos ocupa a primeira sesión. Miguel Ángel Trotiño Vinuesa será o encargado de abrir os relatorios falando sobre o caso concreto de Santiago de Compostela. A mesa de debate posterior abre o foco e céntrao nos conxuntos históricos galegos. Jorge Duarte e Marta Lois, do Concello de Santiago de Compostela; Manuel Chaín Pérez, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural; o xefe da Área de Imaxe e Xestión de Marca Turismo de Galicia, José Ramón Castiñeiras Sobrido, e Elías Torres, da Universidade de Santiago de Compostela, abordarán o tema desde diferentes perspectivas.

O segundo dos temas que se vai tratar é a xestión de espazos declarados patrimonio da humanidade. Neste bloque poñerase enriba da mesa a xestión do caso de Guimarães, que exporá a arquitecta da Cámara Municipal desta cidade lusa, Alexandra Gesta. No marco deste segundo tema debaterase sobre os Camiños de Santiago. Para isto estarán Rafael Sánchez Bargiela, director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo; Teresa Nieto, do Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta; Cristina Sánchez Carretero, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (CSIC), e Juan Antonio Naveira Seoane, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

O estudo e o debate arredor de modelos de xestión dunha paisaxe cultural pechan as xornadas. Faise coa análise do modelo dun parque como o que se encarga da xestión e conservación do río Duero/Douro no seu paso por España e Portugal. Un caso que ofrecerá David de Salvador Velasco, coordinador de Europarques EBI DueroDouro. Seguidamente haberá unha mesa de debate na que investigadores e profesionais como Ana Goy Diz, da Universidade de Santiago de Compostela; José Luis Maestro Castiñeiras, director de Competitividade e Xerardo Pereiro Pérez, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro falarán do caso concreto da Ribeira Sacra.

Sección de Patrimonio e Bens Culturais
Estas xornadas insírese nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais da institución, que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. A sección está coordinada por Rebeca Blanco Rotea e conta con profesionais como Iago Seara, Carlos Nárdiz, Pegerto Saavedra ou Isidro García Tato.