NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura insiste na necesidade de reordenar e desestacionalizar o turismo

“A capacidade da catedral de Santiago e do centro histórico non está ben resolta e acabará tendo problemas” indicaba Miguel Angel Troitiño, catedrático de Xeografía Humana e coordinador do estudo que en 2008 limitou o acceso a catedral de Santiago, no marco das xornadas “Turismo masivo e patrimonio. Converxencias e diverxencias dun diálogo posible”. A cita foi inaugurada polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que incidiron no peso crecente que o turismo ten no noso país e a necesidade de reordenalo para que non afecte ao patrimonio. O primeiro día das xornadas tamén abordou a problemática dos cascos históricos e dos bens declarados Patrimonio Mundial.

O contexto no que se desenvolven estas xornadas fixouno o seu coordinador, Carlos Nárdiz, ao afirmar que “o turismo en Galicia supón o 11% do Produto Interior Bruto e representa o 12% do emprego”. Ademais, insistiu na pertinencia de conxugar políticas patrimoniais e turísticas.

Santiago de Compostela e os conxuntos históricos
Miguel Ángel Troitiño Vinuesa comezou os relatorios falando sobre o caso concreto de Santiago de Compostela. Troitiño coñéceo ben porque foi o coordinador do estudo que en 2008 recomendou limitar visitas á catedral de Santiago a mil persoas e ten unha ampla experiencia en materia de patrimonio e turismo. Avogou por intervencións de carácter xeral que vaian máis alá de normativas específicas. Na súa intervención desatacou o peso do turismo na cidade e afirmou que “se en Galicia o 11% do PIB depende do turismo, estimo que en Santiago se aproximará ao 30%, o que indica que é un factor clave para a economía da cidade e fundamental á hora de definir o proxecto urbano”. Insistiu en que a capacidade de acollida, tanto da Catedral como da cidade histórica, non está ben resolta e acabará por xerar problemas. Ademais, alertou da posible masificación de lugares puntais e estimou que só se visita o 25% da cidade histórica.

Foron os concelleiros composteláns Jorge Duarte e Marta Lois os que abriron a mesa de debate posterior e explicaron que o eixe das actuacións dos seus departamentos pasa pola “descentralización dos fluxos turísticos e a desestacionalización da demanda”. Anunciaron a próxima recuperación do plan de rehabilitación de vivendas baleiras, a realización de propostas para implicar máis a cidadanía e avanzaron que no outono contarán cunha diagnose máis precisa dos aloxamentos turísticos da cidade.
Sobre Santiago tamén falou o profesor da USC Elías Torres, quen avanzou datos do grupos de investigación Galabra no que constatan unha quebra do equilibrio da relación da cidadanía coa cidade histórica.

Manuel Chaín, da dirección xeral de Patrimonio cultural, abriu o foco e situou o debate nos conxuntos históricos. “Temos máis dunha vintenta de conxuntos que son diferentes, que contan cun plan de xestión e que comparten problemas comúns: perda de poboación, crise da vida tradicional, deficiencias nos subministración de enerxía e telecomunicacións, con problemas de aparcamento e dificultades administrativas para o negocios, entre outros”. Segundo Chaín, o turismo é un problema máis dos que teñen os conxuntos históricos e cuxa solución pasa pola nova lei de Patrimonio Cultural.

Patrimonio da Humanidade
Na sesión da tarde falarase de espazos declarados patrimonio da humanidade. Neste bloque poñerase enriba da mesa a xestión do caso de Guimarães, que exporá a arquitecta da Cámara Municipal desta cidade lusa, Alexandra Gesta. No marco deste segundo tema debaterase sobre os Camiños de Santiago. Para isto estarán Rafael Sánchez Bargiela, director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo; Teresa Nieto, do Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta; Cristina Sánchez Carretero, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (CSIC), e Juan Antonio Naveira Seoane, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Segundo día
O estudo e o debate arredor de modelos de xestión dunha paisaxe cultural centra o segundo día das xornadas. Faise coa análise do modelo dun parque como o que se encarga da xestión e conservación do río Duero/Douro no seu paso por España e Portugal. Un caso que ofrecerá David de Salvador Velasco, coordinador de Europarques EBI DueroDouro. Seguidamente haberá unha mesa de debate na que investigadores e profesionais como Ana Goy Diz, da Universidade de Santiago de Compostela; José Luis Maestro Castiñeiras, director de Competitividade e Xerardo Pereiro Pérez, da Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro falarán do caso concreto da Ribeira Sacra.