NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega recupera material da emigración no marco do Ribadeo Indiano

Ribadeo é un exemplo do legado deixado pola emigración visible nun rico patrimonio arquitectónico. Escolas, fontes, igrexas e casas evidencian a pegada dunha época e, durante esta fin de semana, tamén serven de escenario para a recreación da vida no século XIX. Esta festividade, coñecida como Ribadeo Indiano, marca o contexto no que o Consello da Cultura Galega (CCG) e o Concello local asinarán un convenio que permita recuperar fondos particulares da emigración. Ademais, o CCG estará presente coa exposición “Os adeuses” e cunha conferencia que ofrecerá mañá sábado o presidente da institución, Ramón Villares, arredor do fenómeno migratorio.

Non é a primeira vez que o Consello da Cultura Galega se incardina no programa de actividades do Ribadeo Indiano co seu proxecto de recuperación fotográfica e documental. Un xeito de solicitar a colaboración da cidadanía para contribuír a documentar o legado da emigración. A iniciativa estará visible na festividade pero terá tamén carácter permanente, xa que o CCG e o concello local van asinar un convenio para que todas as persoas que queiran realizar a súa contribución poden facelo todos os venres do ano (en horario de 11.00 h a 13.00 h) na Oficina de Turismo do concello. As achegas realizadas constituirán un acervo de fontes á disposición da comunidade investigadora, dos expertos na temática migratoria e, por suposto, dos propios protagonistas.

No programa desta cuarta edición hai tamén dúas actividades nas que participa o CCG: dunha banda, a conferencia que o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, impartirá mañá sábado baixo o título “Emigrar e retornar”; da outra, a exposición “Os Adeuses”, que documenta os últimos momentos da emigración galega cara a América a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí.

O proxecto de recuperación fotográfica e documental
O Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega conta cun proxecto de recuperación de materiais de todo tipo (fotografías, películas, documentos ou obxectos) que dan conta do que foi a súa vida cotiá ou a dos seus familiares, no país de emigración. O Arquivo comprométese á dixitalización e á devolución deses materiais que serven de base a investigadores para configurar un retrato social da emigración galega.