Expertos reclaman no Consello da Cultura fixar a xestión da Ribeira Sacra antes da súa declaración como Ben de Interese Cultural

Nas vindeiras semanas está previsto que se inicie a tramitación do expediente que declarará a Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC) e, ademais, está na lista para ser declarado Patrimonio Mundial. Por iso este é o momento idóneo para definir as liñas de xestión que rixan este territorio e evitar a súa degradación por mor dun turismo masivo. E disto se falou na última sesión das xornadas “Turismo masivo e patrimonio. Converxencias e diverxencias dun diálogo posible” que durante dous días incidiron na importancia de desestacionalizar e ordenar uns visitantes cada vez máis numerosos.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“Estamos no momento axeitado para evitar que a Ribeira Sacra se acabe degradando como xa vimos en Pompeia, en Venecia ou na Alhambra de Granada” afirmou a profesora da Universidade de Santiago Ana Goy, quen ademais, incidiu na importancia de preservar este territorio porque “condensa a esencia do pobo galego”. Pola súa banda, Jose Luís Maestro Castiñeiras, director de Competitividade, lembrou que, en temas de paisaxe “a política forestal, agrícola e urbanística afecta tanto ou máis que a política turística”. Ademais, avanzou claves que se han de ter en conta na Ribeira Sacra, como son as necesidades de infraestruturas turísticas, definir cales van ser os puntos que condensarán o maior número de visitantes sobre os que determinar accións. “Podemos poñer limitacións de acceso como se fixo na praia das Catedrais, pero tamén se pode optar por fixar taxas turísticas” incidiu. Ofreceu datos dunha demanda crecente de turistas internacionais e dixo “temos que estar preparados para un fluxo cada vez máis numeroso”. Maestro Castiñeiras tamén indicou que se debería construír un relato do que se quere dar a coñecer e, entre as opcións posibles, avogou por fixar un turismo de calidade e esixir prezo porque “é o gran discriminador de fluxos masivos sobre un territorio”.

A sesión de hoxe comezou con David de Salvador Velasco que explicou o modelo de Europarques – EBI DueroDouro, que ten a particularidade de ser un modelo exclusivamente privado autofinanciado a cargo dos tiques vendidos aos visitantes.

A primeira sesión
Miguel Ángel Troitiño Vinuesa comezou os relatorios falando sobre o caso concreto de Santiago de Compostela. Troitiño coñéceo ben porque foi o coordinador do estudo que en 2008 recomendou limitar visitas á catedral de Santiago a mil persoas e ten unha ampla experiencia en materia de patrimonio e turismo. Avogou por intervencións de carácter xeral que vaian máis alá de normativas específicas. Na súa intervención desatacou o peso do turismo na cidade e afirmou que “se en Galicia o 11% do PIB depende do turismo, estimo que en Santiago se aproximará ao 30%, o que indica que é un factor clave para a economía da cidade e fundamental á hora de definir o proxecto urbano”. Insistiu en que a capacidade de acollida, tanto da Catedral como da cidade histórica, non está ben resolta e acabará por xerar problemas. Ademais, alertou da posible masificación de lugares puntais e estimou que só se visita o 25% da cidade histórica.

Foron os concelleiros composteláns Jorge Duarte e Marta Lois os que abriron a mesa de debate posterior e explicaron que o eixe das actuacións dos seus departamentos pasa pola “descentralización dos fluxos turísticos e a desestacionalización da demanda”. Anunciaron a próxima recuperación do plan de rehabilitación de vivendas baleiras, a realización de propostas para implicar máis a cidadanía e avanzaron que no outono contarán cunha diagnose máis precisa dos aloxamentos turísticos da cidade.
Sobre Santiago tamén falou o profesor da USC Elías Torres, quen avanzou datos do grupos de investigación Galabra no que constatan unha quebra do equilibrio da relación da cidadanía coa cidade histórica.

Manuel Chaín, da dirección xeral de Patrimonio cultural, abriu o foco e situou o debate nos conxuntos históricos. “Temos máis dunha vintenta de conxuntos que son diferentes, que contan cun plan de xestión e que comparten problemas comúns: perda de poboación, crise da vida tradicional, deficiencias nos subministración de enerxía e telecomunicacións, con problemas de aparcamento e dificultades administrativas para o negocios, entre outros”. Segundo Chaín, o turismo é un problema máis dos que teñen os conxuntos históricos cuxa solución pasa pola nova lei de Patrimonio.
Nas xornadas tamén se falou de espazos declarados patrimonio da humanidade. Neste bloque púxose enriba da mesa a xestión do caso de Guimarães a cargo da arquitecta da Cámara Municipal desta cidade lusa, Alexandra Gesta. E sobre os Camiños de Santiago falaron Rafael Sánchez Bargiela, director-xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo; Teresa Nieto, do Servizo de Patrimonio Cultural da Xunta; Cristina Sánchez Carretero, do Instituto de Ciencias do Patrimonio (CSIC), e Juan Antonio Naveira Seoane, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

Outras noticias que te poden interesar: