NOTICIA

----

Casares e as Irmandades da Fala centran a actividade do segundo semestre

O Consello da Cultura Galega (CCG) realizou no serán deste xoves unha sesión plenaria ordinaria na que deu conta das actividades previstas para o segundo semestre do ano. Unha programación en que destacan Carlos Casares e as Irmandades da Fala e na que haberá, entre outras actividades, unha xornada que analiza as relacións entre Galicia e Bretaña, unha exposición que amosa a Galicia retratada por Anna Turbau, novas sesións do ciclo “Encontros co patrimonio” así como outras propostas que contribúen á proxección exterior da cultura galega. Ademais, aprobouse a incorporación de Dolores Vilavedra á Comisión Executiva da institución en calidade de vogal.

A programación do segundo semestre do ano comezará o 19 de setembro coa realización dunha nova cita do programa “Encontros monográficos co patrimonio cultural”, desta volta centrado nas minas de Casaio, en Valdeorras. Séguelle unha xornada que poñerá enriba da mesa o valor dos montes comunais no noso país e que terá lugar o 28 e 29 de setembro. En outubro, abordarase un tema de actualidade como é o ciberacoso nunha sesión en que se falará, principalmente, de violencia de xénero e mocidade. Nese mes inaugurarase a exposición “A intimidade da imaxe”, comisariada por Margarita Ledo e Natalia Poncela, que peneira na Galicia retratada pola fotógrafa catalá Anna Turbau. Ademais, o CCG organizará coa Universidade de Rennes 2 a xornada “Galicia-Bretaña”, que estudará as relacións entre estes dous territorios. Nela atenderase a cuestións como o clientelismo político, a construción das identidades, a educación, o turismo e a relación entre estes dous territorios a través da figura de Álvaro Cunqueiro.

Casares, as Irmandades e un avance do 2018
No programa do segundo semestre haberá dous nomes propios. Dunha banda, o de Carlos Casares, sobre o que xirará un simposio que se organiza en novembro en colaboración coa Fundación Casares e a Real Academia Galega. Da outra banda, as Irmandades da Fala terán relevancia cun seminario que se desenvolverá en outubro e afondará nas relacións entre cultura e política na España de entreguerras, baixo a coordinación de Ramón Máiz. Tamén está previsto a inauguración da mostra “As sociedades corais nos tempos das Irmandades da Fala”, na que se fai unha revisión do período das Irmandades a través das sociedades corais que impulsaron e promoveron para a normalización da lingua e da cultura de Galicia.

A programación das irmandades esténdese ata 2018, coincidindo co centenario da creación e expansión deste movemento, e no Plenario tamén se avanzou que o vindeiro ano se organizará unha exposición titulada Alba de Gloria: sobre a "simbólica nacional galega". Nela preténdese amosar as sesenta e catro personalidades que Castelao cita nesa alocución como as grandes figuras da historia de Galicia. A exposición farase coincidir co setenta aniversario do célebre discurso político de Alfonso Castelao coñecido como “Alba de Gloria”, pronunciado o 25 de xullo de 1948 en Bos Aires.

Proxección exterior da cultura galega
O Consello da Cultura Galega continuará traballando por situar a cultura galega no mundo. Nesta liña de acción, o Arquivo de Emigración Galega volverá participar na xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI), que aborda a relación entre a diáspora e a identidade cultural, que este ano terá lugar en Husum (Alemaña). Nesta liña de traballo, haberá novos destinos para as exposicións que actualmente ten en marcha o Consello da Cultura Galega. Ademais, a institución tamén participará na feira do libro de Goteburgo (co instituto Cervantes, a embaixada de España en Suecia e o Instituto Etxepare) na que intervirá Iolanda Castaño.

Incorporación de Dolores Vilavedra
Na sesión ordinaria aprobouse a incorporación de Dolores Vilavedra á Comisión executiva en calidade de vogal. Actualmente está formada por Ramón Villares, como presidente; Xosé López, como secretario, Rosario Álvarez, como vicepresidenta primeira. Ademais, Maximino Zumalave, que ata o momento era vogal, pasa a ser vicepresidente segundo.