Unha xornada sobre as minas de Valdaio abre a programación do último cuadrimestre no Consello da Cultura Galega

O destacamento penal das minas de wolfram de Valborrás de Casaio (Ourense), no que redimiron penas 463 ex-combatentes republicanos na Guerra Civil, centra a vindeira xornada dos “Encontros co patrimonio”. Con ela ábrese a programación do último cuadrimestre do ano no Consello da Cultura Galega (CCG). A figura de Carlos Casares, a relevancia das Irmandades da Fala no contexto peninsular, unha xornada que analiza as relacións entre Galicia e Bretaña e unha exposición que amosa a Galicia retratada por Anna Turbau son outras das actividades programadas.
Conectate o Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

A programación do último cuadrimestre do ano comeza mañá coa realización dunha nova cita do programa “Encontros monográficos co patrimonio cultural”, desta volta centrado nas minas de Casaio, en Carballeda de Valdeorras, que foi un destacamento penal durante a Guerra Civil. Séguelle unha xornada que poñerá enriba da mesa o valor dos montes comunais no noso país e que terá lugar o 28 e 29 de setembro. O 10 de outubro abordarase un tema de actualidade como é o ciberacoso, nunha sesión en que se falará, principalmente, de violencia de xénero e mocidade. Nese mes inaugurarase a exposición “A intimidade da imaxe”, comisariada por Margarita Ledo e Natalia Poncela, que peneira na Galicia retratada pola fotógrafa catalá Anna Turbau. Ademais, o CCG organizará coa Universidade de Rennes 2 a xornada “Galicia-Bretaña”, que estudará as relacións entre estes dous territorios. Nela atenderase a cuestións como o clientelismo político, a construción das identidades, a educación, o turismo e a relación entre estes dous territorios a través da figura de Álvaro Cunqueiro.

Casares, as Irmandades e un avance do 2018
No programa do último cuadrimestre destacan dúas actividades. Dunha banda, o simposio sobre Carlos Casares, que se organiza en novembro en colaboración coa Fundación Casares e a Real Academia Galega. Doutra banda, as Irmandades da Fala terán relevancia cun seminario que se desenvolverá en outubro e afondará nas relacións entre cultura e política na España de entreguerras, baixo a coordinación de Ramón Máiz. Tamén está previsto a inauguración da mostra “As sociedades corais nos tempos das Irmandades da Fala”, na que se fai unha revisión do período das Irmandades a través das sociedades corais que impulsaron e promoveron para a normalización da lingua e da cultura de Galicia.

A programación das irmandades esténdese ata 2018, coincidindo co centenario da creación e expansión deste movemento, e no Plenario tamén se avanzou que o vindeiro ano se organizará unha exposición titulada “Alba de Gloria: sobre a ‘simbólica nacional galega’". Nela preténdese amosar as sesenta e catro personalidades que Castelao cita nesa alocución como as grandes figuras da historia de Galicia. A exposición farase coincidir co setenta aniversario do célebre discurso político de Alfonso Castelao coñecido como “Alba de Gloria”, pronunciado o 25 de xullo de 1948 en Bos Aires.

Proxección exterior da cultura galega
O Consello da Cultura Galega continuará traballando por situar a cultura galega no mundo. Nesta liña de acción, o Arquivo de Emigración Galega volverá participar na xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI), que aborda a relación entre a diáspora e a identidade cultural e que este ano terá lugar en Husum (Alemaña). Nesta liña de traballo, haberá novos destinos para as exposicións que actualmente ten en marcha o Consello da Cultura Galega. Ademais, a institución tamén participará na feira do libro de Goteburgo (co instituto Cervantes, a embaixada de España en Suecia e o Instituto Etxepare), na que intervirá Iolanda Castaño.

Outras noticias que te poden interesar: