NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega aborda a etiquetaxe en galego

Analizar cal e a presenza da lingua galega e doutras linguas minoritarias no comercio e na industria é un dos obxectivos da xornada Etiqueta na túa lingua, camiña polo mundo con identidade, que terá lugar mañá martes 26 no Consello da Cultura Galega. O presidente do CCG, Ramón Villares, será o encargado de inaugurar esta xornada xunto co secretario xeral de Política Linguística, Valentín García, entidade que colabora na organización. Profesionais do sector empresarial e académico participan nesta cita coordinada por Rosario ÁLvarez, Xosé López García, Manuel Gago e Rosa Aneiros. O encontro será retransmitido en directo desde o web do Consello da Cultura Galega.

“As etiquetas dos produtos son un indicador clave para coñecermos o grao de normalización dunha lingua e, no caso do galego, aínda resulta máis determinante, xa que a penetración do idioma na industria e na empresa sempre foi un dos grandes déficits da lingua”. Así explica Manuel Gago, un dos coordinadores deste encontro, o obxectivo dunha cita que permitirá “diagnosticar a situación actual e, de maneira relevante, coñecer experiencias de primeira man por parte de empresarios e persoal que traballa de cara ao público, poñéndolle voz e valor cualitativo ás cifras estatísticas que podemos manexar ao respecto”.

Programa da xornada
A xornada arrinca cunha descrición do marco legal a cargo de José Antonio Gómez Segade, catedrático emérito de Dereito Mercantil da Universidade de Santiago de Compostela. Deseguido, terá lugar a mesa redonda "A lingua galega como posicionamento e valor de mercado", moderada por Alba Nogueira e na que participan Alberto Pena, profesor titular de Historia da Propaganda e da Publicidade da Universidade de Vigo; Anxo Tato, catedrático de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo; José María Fonseca Moretón, de Bodegas Terras Gauda; Edita de Lorenzo, da Asociación PuntoGal, e Iván Fernández, de Comunicación e Marketing de Galicia Calidade da Xunta de Galicia.

Pola tarde Juan Manuel Corbacho Valencia, vicerreitor do campus de Pontevedra e profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación da Universidade de Vigo, falará de promoción de produtos etiquetados en linguas minoritarias.

A mesa redonda moderada por Enrique Sáez Ponte “Marca e etiquetaxe en lingua galega” contará coa presenza de Patricia Sánchez Lorenzo, de Leite Noso; Lito Andión, da Cooperativa Hoxe; Adriana Freire, de Dinahosting, e Francisco Kike Piñeiro da Horta do Obradoiro.

Antecedentes: estudos previos
Non é a primeira vez que o Consello se achega a analizar o ámbito da publicidade na nosa lingua. De feito, en 1995 publicou un volume pioneiro que abordaba por primeira vez un estudo estatístico da actitude dos consumidores perante o uso do galego na publicidade. Aquela publicación, Publicidade e lingua galega, elaborada por Fernando F. Ramallo e Gabriel Rei Doval, recollía a preocupación dunha parte da cidadanía, nun contexto non habitual. Este traballo deu pé a que o Consello da Cultura, cos mesmos autores e coa colaboración da xa creada Fundación Galicia Empresa, retomase a cuestión desde un punto de vista científico. Vender en galego. Comunicación, empresa e lingua galega puxo de manifesto, con entrevistas a empresarios ou directivos de empresas recoñecidas, que a resistencia a unha comunicación publicitaria non estaba nos altos cargos, senón nos postos intermedios. En 2014 fixo unha revisión sobre este tema cunha xornada titulada A publicidade en galego, que constatou a consolidación da imaxe de marca de Galicia nas últimas dúas décadas. Ademais, alí describiuse unha radiografía dun sector que duplicou o número de axencias publicitarias, aumentou a calidade e elevou a confianza e a eficacia no uso da lingua na comunicación publicitaria. Con todo, constatouse que a crise lastrou de xeito notorio o avance nesta materia.