NOTICIA

----

Mañá comeza a xornada que analiza a situación actual dos montes veciñais

O abandono, a política forestal inadecuada, a privatización… son algún dos problemas que afectan os montes comunais hoxe en día. A súa situación, a historia e a relevancia destes montes que chegaron a ocupar tres cuartas partes da superficie do territorio galego analizaranse durante dous días no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita, “Traxectoria dos monte comunais galegos”, arrinca mañá coa inauguración a cargo do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e dun dos coordinadores, Pegerto Saavedra.

“O obxectivo fundamental é estudar o papel dos montes veciñais ou comunais nos últimos tempos” explica Pegerto Saavedra. “Creo que non fai falta destacar a importancia que ten o monte a todos os niveis, desde o económico ata o cultural, por non dicir que explica boa parte da nosa historia” engade. Esta xornada recolle ese interese crecente das últimas décadas desde un ámbito multidisciplinar que pasa por xeógrafos, xeólogos, antropólogos, economistas, paisaxistas e que, en palabras do coordinador da xornada, “pretende servir para coñecer como se xestionaban no pasado e como se poden aproveitar mellor”. A cita conta tamén coa coordinación de María do Mar Pérez Fraz.

O programa
A xornada pretende ofrecer un enfoque temporal de longa duración, “precisamos saber como se xestionaban os montes no pasado” afirma Pegerto Saavedra, pero sen desviar a atención do presente, nos problemas que hai hoxe e que, na súa opinión, son moitos e moi variados: “hai un problema de abandono por mor de concellos despoboados, noutros casos hai unha política forestal que non é a máis adecuada nin a máis equilibrada; está a cuestión paisaxística e a consideración dos montes como patrimonio cultural”.
A perspectiva histórica e a súa relevancia no presente abordarase no primeiro día cunha serie de relatorios a cargo de diferentes profesores da Universidade de Santiago de Compostela. Ana Cabana falará de “Terras comúns, intereses cruzados: o monte veciñal galego no século XX”; Edelmiro López Iglesias sobre “O problema da terra na Galiza do século XXI e o papel dos montes veciñais en man común”; Xesús Balboa arredor da “A pervivencia dos montes veciñais galegos: razóns e distorsións”; e Hortensio Sobrado Correa, das “Rozas, estivadas e pan de vedro: o cultivo temporal do monte na Galicia da Idade Moderna”.

Sobre o carácter cultural dos montes falará Antón Santamarina cun relatorio titulado “Os montes e a súa toponimia”. A sesión do primeiro día péchase coa mesa redonda “Montes, ordenación do territorio e paisaxe”, moderada por Iago Seara e na que participan Daniel Pino Vicente, urbanista de Consultora Galega; Alfonso Díaz Revilla, arquitecto e profesor da ETSA da Coruña; Inés Santé, directora do Instituto de Estudos do Territorio; e o enxeñeiro agrónomo Plácido Baamonde López.

O segundo día serve para abrir o foco e establecer unha comparación co que sucede noutros territorios. Laureano Rubio Pérez, da Universidade de León, explicará o que acontece nesta provincia, onde o 5 0% da superficie está ocupada por montes comunais. Ademais, Fernando Silva Oliveira exporá o caso de Portugal cun relatorio titulado “Baldíos, percursos do último século”.

A xornada remata con dúas mesas redondas, nas que se lles dará voz a varias comunidades de veciños. Alí exporá as súas prácticas, que poden servir como modelo. Na primeira abordarase o caso da Comunidade de Espiñarcao en Abadín, a de Montes de Xalo en Culleredo e a de Santa Mariña do Rosal. E na segunda exporanse os casos da Organización Galega de Comunidades de Montes, de Iniciativa Comunales e de Montenoso.