NOTICIA

----

O Consello da Cultura participa na feira do libro de Goteburgo

Goteburgo acolle ata o domingo o maior festival literario dos países escandinavos, a súa tradicional feira do libro. Un encontro no que o Consello da Cultura Galega volve participar no marco do seminario “Poesía e Minorías” no que intervirá Yolanda Castaño. Deste xeito a cultura galega está presente nesta cita considerada a segunda feira europea en relevancia.

O Consello da Cultura Galega estará presente nesta edición da feira do libro de Göteburgo no seminario “Poesía e Minorías” no que participa Yolanda Castaño. Este sábado día 30, canda a poeta galega estarán o poeta suízo Max Lobe, a polaca Malgorzata Szejnert, a portuguesa Sofía Branco baixo a moderación de Elisabeth Asbrink (SE). O encontro terá lugar no stand da EUNIC, a asociación europea de institucións nacionais de cultura, no que participa o Consello da Cultura Galega co apoio do Instituto Cervantes e da Embaixada de España en Estocolmo.

Acción exterior
O Consello da Cultura Galega conta cunha liña de Acción Exterior a través da que proxecta a imaxe da cultura galega fóra das nosas fronteiras. Esta área está marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras e outras institucións pero tamén en encontros, conferencias, exposicións ou publicacións.