NOTICIA

----

Profesionais reivindican no Consello da Cultura un novo modelo de xestión para os montes de veciños

Xeógrafos, arquitectos, historiadores, veciños e veciñas así profesionais de diferentes ámbitos relacionados cos montes de veciños incidiron na necesidade de reformar a súa situación actual que teña en conta usos agropecuarios, forestais, ambientais ou culturais. Así se falou na xornada “Traxectoria dos montes comunais galegos”, que se desenvolveu ata hoxe no Consello da Cultura Galega baixo a coordinación de Pegerto Saavedra e María do Mar Pérez Fra.

“Cómpre unha reforma centrada nos usos e non na propiedade que, entendo, que non estará exenta de problemas” aseguraba o profesor da Universidade de Santiago Edelmiro Lopez Iglesias durante a súa intervención. Reivindicaba un novo papel para os montes de veciños que ocupan hoxe un terzo da superficie que tiñan no século XIX. Na súa opinión, os montes débense contemplar desde outra perspectiva e o axeitado é velos como un recurso para a ordenación do territorio. López Iglesias tamén cre que se debe facer esa reforma atendendo ás demandas da sociedade: alimentación, materia, produción doutros bens (enerxías renovables, artesanía....), emprego ou mesmo a función paisaxística.

Algúns dos propios veciños e veciñas expuxeron a situación de determinadas comunidades como a de Espiñarcao, Xalo (en Culleredo) ou Santa Mariña do Rosal, que coincidiron na necesidade de que que sexan os propios veciños os que decidan o uso e o futuro destes territorios.

A situación histórica e actual
A xornada estivo encamiñada a explicar a relevancia histórica deste tipo de superficie a todos os niveis, desde o económico ata o cultural. Para o profesor da USC Xesús Balboa, o gran drama de hoxe é que “hai montes partidos, esnaquizados, que se o miramos nun mapa ocupan máis sitio as raias das divisións que as parcelas”. Na súa opinión, a transición dun monte agropecuario a un forestal (preferentemente madeireiro) sería inevitable, “o problema é que se fixo de xeito autoritario, sen reflexión sen oportunidade”. A profesora da USC Ana Cabana incidiu no feito de que as comunidades e o sentido de pertenza a elas foron construídos co paso do tempo e analizouno en clave de conflito.

Pola súa parte, no programa tamén se abordou o papel cultural dos montes veciñais. E fíxose desde o punto de vista da toponimia. Antón Santamarina explicou os elementos constitutivos da nosa toponimia, con topónimos prerromanos como Laracha, Laraño ou Larín; latinos como Vigo ou Lugo, ou célticos como Ledesma ou Barbanza. Tamén aclarou que haberá outros dos que nunca se saberá a súa orixe. Santamarina puxo casos concretos como o de carballo, do que se rexistraron múltiples variantes: caxigo, cerqueiro, cerque, reboredo, reborido ou reboleira. Ademais, lembrou que existía o proxecto de recollida de toponimia menor, que se deixou de facer durante a crise. “A toponimia dos montes daría para facer unha enciclopedia” asegurou. A consideración dos montes como paisaxe e como ordenación do territorio analizouse nunha mesa moderada polo arquitecto Iago Seara e na que participaron Daniel Pino Vicente, urbanista de Consultora Galega; Alfonso Díaz Revilla, arquitecto e profesor da ETSA da Coruña; Inés Santé, directora do Instituto de Estudos do Territorio; e o enxeñeiro agrónomo Plácido Baamonde López.

Tamén se abriu o foco e se estableceu unha comparación co que sucedía noutros territorios. Laureano Rubio Pérez, da Universidade de León, explicou o caso desa provincia, onde o 50 % da superficie está ocupada por montes comunais; e Fernando Silva Oliveira ofreceu a particularidade do caso portugués.