NOTICIA

----

Unha xornada analiza mañá cambios no réxime económico do matrimonio

Todas as persoas que casen en Galicia hoxe en día contan, salvo que se diga o contrario, cun réxime de gananciais. Con todo, hai voces que recollen a necesidade dun cambio de lexislación que actualice o acordo económico que se fixa, por defecto, desa unión matrimonial. Da pertinencia dese modelo fala a xornada “O réxime económico do matrimonio no dereito civil de Galicia: unha posible reforma”. A cita está organizada polo Consello da Cultura Galega e a Fundación Castelao, coa colaboración da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.

Unha mesa redonda e un coloquio permitirán poñer sobre a mesa a pertinencia dun cambio de lexislación en Galicia que actualice o réxime económico que se establece logo de que dúas persoas contraian matrimonio. Ata o momento, a Lei de dereito civil de Galicia, en liña co que establece o Código civil (promulgado á altura de 1889), fixa co casorio o réxime económico de gananciais. Daquela, os roles social e legal estaban perfectamente diferenciados para cada un dos cónxuxes, atribuíndolle ao esposo a administración do patrimonio, sustento da familia e fixación do domicilio conxugal e quedando a esposa sometida á autoridade marital, coa función de procreación e coidado dos fillos, Daquela, era o réxime de gananciais o que mellor garantía os dereitos dunha muller “capitis diminutio”. No contexto de hoxe, ben diferente, con absoluta igualdade legal entre homes e mulleres e cun matrimonio disoluble por divorcio, hai voces que piden un cambio de lexislación que dea prelación ao réxime de separación fronte ao de gananciais.

Para falar deste tema estarán diferentes membros da Comisión Superior de Dereito Civil de Galicia como son Xesús Palmou Lorenzo, que ademais é coordinador do relatorio para a súa reforma, Ángel Rebolledo Varela, Domingo Bello Janeiro e Fernando Lorenzo.