NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega asiste en Alemaña á 27 edición da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI)

A vixésimo sétima xuntanza anual da Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI) titúlase “Na casa ou alienados” e analiza como a cidadanía percibe e recibe os movementos migratorios. O Consello da Cultura Galega participa nesta cita a través do Arquivo da Emigración Galega, nunha mesa redonda que terá lugar mañá xoves, día en que se inicia a xuntanza. O encontro ten lugar na cidade alemá de Husum, despois de que en 2016 Santiago acollese este encontro que xunta representantes de entidades relacionadas coa temática migratoria.

Preto de cincuenta especialistas reflexionarán nesta edición da AEMI sobre como son os comportamentos da sociedade dos países receptores sobre os emigrantes. Entre eles está Emilia García López, que representa ao Arquivo da Emigración Galega e que será a encargada de moderar a mesa titulada “Asuntos ou problemas migratorios contemporáneos”, na que tamén participan da profesora da Universidade de Santiago de Compostela, María González Blanco, cunha comunicación compartida con Vicente Peña Saavedra. A súa intervención terá lugar mañá xoves, coincidindo co inicio da xuntanza.

A AEMI
A Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI) é unha entidade creada en Alemaña en 1991 para estudar os antecedentes migratorios, a migración intraeuropea e a inmigración. Está conformada por corenta entidades de toda Europa como o Museo Danés de Emigración, o Centro de Documentación sobre as Migracións Humanas de Bruxelas ou a Casa dos Emigrantes de Suecia. Esta cita, pensada para que os membros da AEMI intercambien os seus puntos de vista e investigacións recentes sobre cuestións relacionadas cos diferentes tipos de migracións, organízase cada ano e ten lugar nunha cidade diferente. En 2016, Santiago de Compostela acolleu este encontro, que deitou novas olladas sobre a diáspora migratoria europea e a identidade cultural.

Acción Exterior e o Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega xorde como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior, configurándose desde o ano 1992 como un lugar de encontro, centro documental e de información para os investigadores interesados no estudo do fenómeno migratorio.
Entre os seus obxectivos figura conservar a memoria viva da emigración galega a través da recuperación do seu patrimonio cultural; constituírse como un centro de documentación, investigación e difusión referencial que amplía e mantén as súas distintas modalidades de acceso e disposición de materiais de interese para os investigadores; así como difundir e promover estudos e investigacións de carácter científico que sirvan para un mellor coñecemento dos distintos aspectos relacionados co fenómeno da nosa emigración.

En paralelo, o Consello da Cultura Galega conta cunha liña de Acción Exterior, a través da que proxecta a imaxe da cultura galega fóra das nosas fronteiras. Esta área está marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras e outras institucións, e tamén en encontros, conferencias, exposicións ou publicacións.