Rita Laura Segato, profesora de Antropoloxía e Bioética na Cátedra UNESCO da Universidade de Brasilia e unha referencia internacional na materia, abre o encontro cunha conferencia en que falará de novas formas de violencia contra as mulleres. A súa conferencia servirá de marco para as diferentes mesas en que se articula o programa. A primeira centrarase na violencia de xénero na mocidade. Xosé Manuel Pereiro, membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, presenta e modera unha sesión na que participa Paz Filgueira Paz, xuíza experta en violencia de xénero; e Ana Torres Jack, psicóloga e orientadora educativa, autora de “Máis aló do azul e do rosa. Como previr a desigualdade de xénero e a violencia machista desde a familia”.
Pola tarde falarase de novas formas de violencia mediadas polas redes sociais. Ramón Máiz, coordinador da Sección de Pensamento e Sociedade do CCG, presenta e modera unha mesa en que estarán presentes Sonia Rama, inspectora da Policía Nacional e investigadora da USC, e o investigador Antonio Rial Boubeta, que ofrecerán cifras e claves para entender e previr o acoso na rede.
A última mesa titúlase “relatos de vida”, está moderada por Carmen Cajide Hervés, membro da Comisión de Igualdade do CCG, e nela varias mulleres contarán a súa experiencia en primeira persoa. As xornadas pechan coa lectura das conclusións a cargo das coordinadoras, Carme Adán e Nieves Santomé.