NOTICIA

----

Profesionais reclaman no Consello da Cultura unha maior educación e prevención ante o incremento da violencia de xénero

“Lonxe de frearse os casos, sabemos que están en aumento así como tamén o está a crueldade do maltrato” asegurou a antropóloga Rita Segato no marco da xornada “Ciberacoso: violencia de xénero e mocidade”. Unha cita que se desenvolveu ao longo do día de hoxe no Consello da Cultura Galega e que permitiu escoitar os testemuños de vítimas da violencia, así como de profesionais da investigación, psicoloxía e xustiza que ofreceron claves para entender este tipo de feitos. Todos eles coincidiron na necesidade de educar desde as idades máis temperás para facer fronte.

Rita Segato, profesora de Antropoloxía e Bioética na Cátedra UNESCO da Universidade de Brasilia e unha referencia internacional na materia, abriu o encontro cun relatorio no que falou de novas formas de violencia contra as mulleres. Na súa opinión, “a gran pregunta é se hai máis denuncias ou casos, pero levamos máis dunha década facendo medicións e cando se trata dun feminicidio xa sabemos que, lonxe de frearse os casos, están en aumento”. Ademais, tamén puntualizou que a crueldade está a medrar, “non só para matar senón tamén para deixar o corpo”. Para Segato aos médicos de comunicación fáltalle reflexión na súa información e volverse máis pedagóxicos. “Non estou a favor de silenciar a información pero cómpre un tratamento máis pensado de como informar sen promover a violencia, xa que mostran ao violador como un monstro, pero como un monstro potente e moitos homes queren ser potentes” afirmou.

Tópicos e denuncias
Xosé Manuel Pereiro, membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación (CCG), presentou e moderou unha sesión na que participaron a psicóloga e orientadora Ana Torres Jack xunto coa xuíza Paz Filgueira. A primeira afirmou que “existe unha igualdade legal pero non real, xa que non se educa en igualdade e se continúan a transmitir todos os tópicos”. Para Torres é fundamental “ensinar a ser crítico e facer pensar”. Paz Filgueira, experta en violencia de xénero que leva varios anos levando este tipo de casos, fixo unha análise crítica das eivas do Pacto de Estado sobre a materia. Ademais, indicou que “o ciberacoso que chega ao xulgado adoita ser sexting e no 95% dos casos son denunciados por mulleres”.

O acoso e as tecnoloxías
Pola tarde, Ramón Máiz, coordinador da Sección de Pensamento e Sociedade do CCG, moderou unha mesa na que estiveron presentes Sonia Rama, inspectora da Policía Nacional e investigadora da USC e o investigador Antonio Rial Boubeta. Este último fixo unha aproximación a o que é o acoso na rede e deu claves para entendelo e prevelo. “O 97,8% da mocidade galega usa internet de maneira regular, o 93% está rexistrado nalgunha rede social e máis da metade en 4 ou máis” afirmou Rial. Estimou nun 16,3% dos adolescentes que está a facer un uso problemático da Internet. Na súa opinión non existe un claro perfil de risco, aínda que é significativamente maior entre as rapazas, en núcleos urbanos, de centro privados e naqueles casos nos os seus pais non supervisan o uso que fan. Apostas, webs eróticas, contactos con descoñecidos, sexting ou sextortion son algunhas das prácticas de risco. Na súa opinión de Rial “a clave está na prevención e esta require de educación”.

A última mesa, moderada por Carmen Cajide Hervés, deu voz a tres mulleres que foron vítimas da violencia de xénero. Foi o relato máis emotivo e persoal dos escoitados ao longo da xornada e permitiu poñerlle rostro ás cifras.