NOTICIA

----

O Observatorio da Cultura constata o aumento de salas de exhibición e a baixa do prezo da entrada de cine

Galicia gañou máis de 100 000 espectadores de cine en 2016, 9 salas de exhibición e 4 cines, ademais de obter a mellor marca dos últimos 16 anos na exhibición de películas, con 582. Son cifras do Documento de Traballo do Observatorio da Cultura Galega (DT-OCG), do Consello da Cultura Galega (CCG), titulado “O cine en Galicia 2016”, que tamén revela unha cara menos positiva: non hai melloría nin no gasto nin na asistencia media por habitante. O DT recolle por primeira vez a lingua dos filmes feitos polas produtoras galegas e indica que, dos 14 títulos producidos en 2016, seis deles están en galego.

No último ano Galicia gañou máis de 100 000 espectadores, un incremento paralelo ao que aconteceu no resto do Estado. Con todo, a asistencia media mantívose en 1,5 películas por habitante, lonxe da media estatal, que está en 2,2 películas. Por debaixo están Castela a Mancha, Estremadura e Ceuta e Melilla. Ese incremento correspóndese, segundo os datos do DT, coa asistencia ao cine para ver longametraxes estranxeiras, xa que as cifras de espectadores pasaron de 3 a 3,4 no período 2012-2016. No entanto, a asistencia a películas españolas mantívose estancada neses anos.
A análise por provincias desvela que A Coruña absorbe máis da metade da recadación e dos espectadores, un 49 % e un 50 % respectivamente. Seguido de lonxe por Pontevedra, Lugo e Ourense.


A recadación
A recadación dos cines galegos aumentou medio millón de euros en 2016 respecto ao ano anterior. En total, as salas galegas recadaron 24,3 millóns de euros, sobre un total nacional de 602. Todas as comunidades autónomas, sen excepción, experimentaron un incremento da recadación, entre as que destaca de xeito significativo Andalucía, cunha suba de 7,5 millóns de euros. Con todo, a cifra recadada en 2016 é practicamente igual ca a de 2012, 24,3 millóns de euros e o DT establece unha relación directa coa nacionalidade da película exhibida.

O custo da entrada do cine en Galicia baixou ao redor de 10 céntimos de euro en 2016 respecto ao ano anterior, e sitúase en 5,8 euros, moi preto da media española (5,9 euros). Esa baixada do prezo da entrada implicou tamén un descenso do gasto medio por espectador. E no hábito de ir ao cine, os galegos e galegas estamos moi por debaixo do resto de españois. Así o di o gasto por habitante, que en Galicia é de 8,9 euros, 4,1 menos ca a media española.

Da produción á distribución
O Observatorio tamén destina espazo deste DT a analizar a exhibición, a distribución e a produción. En 2016 abríronse 4 cines e 9 salas de exhibición, que nos sitúa nos mesmos niveis de 2013, con 184 salas. E nese aspecto a tendencia galega é contraria á española, que rexistra a peor cifra dos últimos cinco anos. Nesas salas proxectáronse, segundo o DT, 582 películas, 34 máis ca en 2015, o que tamén nos dá a mellor cifra dos últimos dezaseis anos. As salas galegas puideron proxectar un 34,7 % das películas estreadas en España en 2016, o que supuxo un aumento de 3,4 puntos porcentuais respecto a 2015 e Galicia sitúase como a sexta comunidade con acceso ás estreas estatais. Cataluña e Madrid acceden a máis do 50 % da carteleira nacional (66,5 % e 51,1 %, respectivamente)

No quinquenio analizado, Galicia perdeu sete produtoras de cine, co que quedan en 12o o número de empresas do sector. Situámonos no sétimo lugar detrás de Madrid (143), Cataluña (78), País Vasco (28), Andalucía (27), Valencia (23) e Canarias (19). E estas empresas participaron na produción cinematográfica de 14 filmes no ano 2016, un 4,4 % do total producido en España (326 películas).

No que respecta á produción de cine en Galicia, as empresas galegas financiaron ao 100 % oito documentais e catro películas de ficción, ademais de participaren nos filmes “María y los demás” cun 90 % e “Toro” cun 20 %. Por primeira vez, o Observatorio recolle datos lingüísticos de produción e isto permitiulle coñecer que o galego foi o idioma orixinal de seis destas películas, o castelán, de sete, mentres que unha estaba rodada en árabe.

A actividade do Observatorio da Cultura Galega
O Observatorio da Cultura Galega (OCG) é un servizo dependente do Consello da Cultura Galega que pretende encher o baleiro de información existente sobre a cultura a través dun método rigoroso e estándar de recolleita de información. A produción fundamental do Observatorio é a información estatística, aínda que entre as súas funcións está a redacción de Documentos de Traballo de tipo cualitativo e avaliativo (OCG-DT). Todos os resultados teñen como fin último contribuír ao desenvolvemento de políticas culturais sobre unha evidencia empírica.
Para a elaboración do presente Documento de Traballo, o Observatorio consultou cifras do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte da Estadística de Cinematografía: Producción, Exhibición, Distribución y Fomento e do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales – Secretaría de Estado de Cultura.