Cathrine Kyø Hermansen, do Danish Immigration Museum, é a nova presidenta da AEMI en substitución de Hans Storhaug, do Museum of Stavanger, que levaba no cargo desde o 2011. A nova directiva conta con Patrick Fitzgerald, do Mellon Center for Migration Studies que depende do Ulster American Folk Park, como vicepresidente; Dietmar Osses, do LWL Industrial Museum-Westfalian State Museum for Industrial Heritage and Culture, como secretario, e Emilia García, do Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega, como tesoureira. Os cambios, que teñen vixencia por tres anos, acordáronse no marco da vixésimo sétima xuntanza anual desta entidade na que preto de cincuenta especialistas reflexionaron sobre os refuxiados e sobre os comportamentos da sociedade dos países receptores cos emigrantes.
A AEMI
A Asociación Europea de Institucións Migratorias (AEMI) é unha entidade creada en Alemaña en 1991 para estudar os antecedentes migratorios, a migración intraeuropea e a inmigración. Está conformada por corenta entidades de toda Europa, como o Museo Danés de Emigración, o Centro de Documentación sobre as Migracións Humanas de Bruxelas ou a Casa dos Emigrantes de Suecia. Esta cita, pensada para que os membros da AEMI intercambien os seus puntos de vista e investigacións recentes sobre cuestións relacionadas cos diferentes tipos de migracións, organízase cada ano e ten lugar nunha cidade diferente. En 2016, Santiago de Compostela acolleu este encontro, que deitou novas olladas sobre a diáspora migratoria europea e a identidade cultural.
Acción Exterior e o Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega xorde como un programa promovido pola Sección de Cultura Galega no Exterior, e configúrase desde o ano 1992 como un lugar de encontro, centro documental e de información para os investigadores interesados no estudo do fenómeno migratorio.
Entre os seus obxectivos figura conservar a memoria viva da emigración galega a través da recuperación do seu patrimonio cultural; constituírse como un centro de documentación, investigación e difusión referencial que amplía e mantén as súas distintas modalidades de acceso e disposición de materiais de interese para os investigadores; así como difundir e promover estudos e investigacións de carácter científico que sirvan para un mellor coñecemento dos distintos aspectos relacionados co fenómeno da nosa emigración.
En paralelo, o Consello da Cultura Galega conta cunha liña de Acción Exterior, a través da que proxecta a imaxe da cultura galega fóra das nosas fronteiras. Esta área está marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras e outras institucións, e tamén en encontros, conferencias, exposicións ou publicacións.