NOTICIA

----

O sociolingüista Klaus Bochmann falará mañá no Consello da Cultura sobre hexemonías lingüísticas

O coñecido sociolingüista Klaus Bochmann (Dresde, 1939) estará mañá martes (18:30 horas) no Consello da Cultura Galega para falar de hexemonías lingüísticas. A súa intervención forma parte do ciclo “Conversas con...”, no que antes participaron Juan Antonio Millán ou Nélida Piñón. Klaus Bochman será presentado por Xesús Alonso Montero.

“Hexemonía lingüística e os donos da linguaxe” é o título da conferencia que Klaus Bochmann (Dresde, 1939), un sobranceiro romanista e sociolingüista alemán, ofrecerá mañá martes ás 18:30 horas no Consello da Cultura Galega. É profesor da Universidade de Leipzig, onde exerceu de 1978 a 1992 como titular de lingua romanesa, e de 1992 a 2004 como catedrático de lingüística francesa, francófona e italiana. As súas especialidades son a lingua romanesa e o seu parente o idioma moldavo, así como a sociolingüística das linguas romances, con atención ao estudo lingüístico dos textos políticos.

No seu currículo, no que hai 25 libros e preto de 200 artigos científicos en alemán, francés, italiano, romanés e inglés, destaca a súa colaboración en traducións de títulos recoñecidos de autores como Pirandello, Pavese ou Calvino. Ademais, promoveu a tradución ao alemán das Memorias dun neno labrego de Xosé Neira Vilas, sobre a que escribiu un extenso estudo. Dedicou varios traballos ao galego, tanto referentes aos primeiros textos en prosa dos inicios do século XIX (“Valores e funcións pragmáticas dos primeiros textos en galego procedentes da Guerra de Independencia de España”, 1992), como á posición sociolingüística do noso idioma: “En torno al problema de la normalización del gallego contemporáneo” (1983), “Problemi della ‘normalizzazione della lingua gallega” (1985), “Le Galicien, une langue doublement polynomique” (1990), “À l’Est comme à l’Ouest, où les extrêms –géographiques- se touchent: Galice et la Moldavie devant le problème de la langue” (2000).

Conversas con...
Neste formato conversas participou a principios deste ano José Antonio Millán, o que foi director da prestixiosa editorial Taurus; pioneiro no uso dos medios dixitais na cultura, creou o primeiro Diccionario de la Academia en CD-ROM e o Centro Virtual Cervantes en Internet, e mantén desde hai máis de vinte anos un sitio web de debate e información (http://jamillan.com). Daquela foi presentado por Víctor Freixanes.