NOTICIA

----

Mañá comeza o congreso que analiza o contexto español das Irmandades da Fala

Despois dun primeiro encontro que analizou o movemento das Irmandades da Fala no plano europeo, toca agora o seu estudo no espazo ibérico. Disto tratará o congreso “Cultura e política na España de entreguerras” que arrinca mañá no Consello da Cultura Galega (CCG). Diferentes expertos analizarán durante dous días as semellanzas e contrastes entre os diversos proxectos nacionais xurdidos naquela época en Cataluña, Euskadi e Galicia. A cita será inaugurada polo presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, máis o coordinador deste congreso, Ramón Máiz, e retransmitirase en directo desde o web da Institución.

Dúas ideas planean sobre o fondo deste segundo congreso das Irmandades da Fala que organiza o Consello da Cultura Galega. Dunha banda, coñecer a posición dalgúns intelectuais de referencia ante a cuestión nacional, tanto en España (Ortega y Gasset, Pardo Bazán), como en Portugal (Teixeira de Pascoaes). Doutra banda, trazar as semellanzas e diferenzas entre os proxectos nacionais xurdidos na España de entreguerras. Para facelo, Ramón Máiz coordinou un programa que xunta unha ducia de especialistas chegados de diferentes partes do Estado.

Dous días de programa
Xusto Beramendi, catedrático emérito de Historia Contemporánea, da Universidade de Santiago de Compostela, será o encargo de abrir o programa cun relatorio sobre as Irmandades e as culturas políticas en Galicia. Despois, o catedrático de Historia Contemporánea da Universidad del País Vasco, José Luis de la Granja, explicará o punto de vista do nacionalismo vasco no tempo das Irmandades da Fala. “Efecto 1914: a longa agonía da Restauración e o contexto dos nacionalismos ibéricos“ é o título do relatorio que José Luis Villacañas Universidad Complutense de Madrid, ofrecerá no marco do programa.

Pola tarde coñecerase o que pensaban sobre a materia algúns dos intelectuais da época. O catedrático de Literatura Española da Universitat de Barcelona Jordi Gracia falará de Ortega, mentres que a catedrática de Historia Contemporánea da Universitat de València Isabel Burdiel comentará a opinión de Emilia Pardo Bazán.

No segundo día, Borja de Riquer, catedrático emérito de Historia Contemporánea, Universitat Autònoma de Barcelona, atenderá ao “proxecto da España Grande e Rexional de Francesc Cambó”. Deseguido, Carmen Pena, catedrática de Teoría e Historia da Arte Contemporánea da Universidad Complutense de Madrid, ofrecerá o relatorio titulado “O español na arte e a súa invención. Do XIX ás vangardas”.

Pecha a xornada António M. Feijó, vicerreitor da Universidade de Lisboa e catedrático da Facultade de Letras, cun relatorio en que afondará na relación de Teixeira de Pascoaes e España.

Tres congresos para contextualizar as Irmandades da Fala
Este é o segundo dos tres congresos previstos para contextualizar o fenómeno das Irmandades. O primeiro deles, en outubro de 2016, analizou o movemento en clave europea. Daquela, trece historiadores europeos transnacionais puxeron de manifesto que o nacemento das Irmandades no ano 1916 non foi un feito illado senón que entroncaba directamente co que estaba a suceder na Europa do momento.

As conclusións daquel congreso titulado “O contexto internacional das Irmandades da Fala: as nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios a nación”, apuntaron que as reflexións na esfera pública europea sobre os termos “nacionalidade”, “nación”, “autodeterminación” e o “principio da nacionalidades” foron complexas e mudables, ademais de que axudaron a configurar o ambiente en que xurdiron e se desenvolveron as Irmandades da Fala. Tamén se uniu o debate tras a Primeira Guerra Mundial sobre o novo concepto de “minoría nacional”. Ademais, nesas discusións tivo grande influxo a revolución soviética e a súa proclamación de apoio á autodeterminación das nacionalidades. Como reacción implícita a esa declaración, as propostas de paz de Wilson, presidente dos EE. UU., foron interpretadas por boa parte da opinión pública europea, sobre todo nas nacionalidades sen Estado, como un apoio ás súas reivindicacións e o nacemento do concepto de “autodeterminación nacional”. Neste congreso tamén se evidenciou que Cataluña, Portugal e Irlanda foron os grandes referentes externos das Irmandades.

O terceiro dos encontros, en 2018, titularase ”Galicia-América, unha viaxe de ida e volta: ecos das Irmandades da Fala fóra de Galicia” e porá o foco na relación das Irmandades co movemento migratorio.