NOTICIA

----

Un congreso incide na influencia que Cataluña e Portugal exerceron nas Irmandades da Fala

Hoxe rematou no Consello da Cultura Galega a segunda das citas previstas para entender o contexto no que se crearon e acturaron das Irmandades da Fala. Durante dous días, especialistas perfilaron a situación estatal onde Cataluña e Francesc Cambó foron os grandes referentes para o movemento galego. “Non son casuais as coincidencias coa situación actual, senón que son cuestións non resoltas que agroman un século despois” asegurou o historiador Borja de Riquer no marco do congreso “Cultura e política na España de entreguerras”.

O proxecto da España Grande e Rexional de Francec Cambó foi un referente destacado para as Irmandades da Fala. E así se deu a coñecer no marco do congreso “Cultura e política na España de entreguerras”. Foi o catedrático Borja de Riquer quen perfilou a “historia dun gran fracaso político motivado polos erros do movemento reformador pero tamén as resistencias que atopou” ao falar do proxecto de Cambó. Para el “non son casuais as coincidencias coa situación actual do conflito catalán, xa que son cuestións non resoltas, aínda que pasou un século sempre estiveron latentes” insistiu. A súa intervención plasmou a relevancia que tivo o nacionalismo catalán, que exerceu tamén influencias no vasco e no galego, que defendían unha reestruturación diferente da administración do Estado, pero tamén no nacionalismo español, que xurdía por confrontación dos anteriores.

A postura intelectual
No programa tamén había oco para perfilar a posición dalgúns intelectuais de referencia ante a cuestión nacional. No caso español Jordi Gracia, da Universitat de Barcelona, encargouse da figura de Ortega e Gasset que explicou na súa coñecida obra “A España invertebrada” na que acusou a unha minoría dirixente ilustrada de non saber tomar decisións firmes e eficaces. OU Isabel Burdielque oferceu o punto de vista de Emilia Pardo Bazán, que soubo construír unha literatura que chocou cos nacionalismos. Burdiel destacou a complexidade do discurso de Pardo Bazán á hora de construír unha identidade nacional. Foi António M. Feijóo, da Universidade de Lisboa quen perfilou o pensamento do luso Teixeira de Pascoaes.
Completaron o programa o catedrático de Historia Contemporánea da Universidad del País Vasco, José Luis de la Granja, que explicou o punto de vista do nacionalismo vasco no tempo das Irmandades da Fala. Canda el, Carmen Pena, catedrática de Teoría e Historia da Arte Contemporánea da Universidad Complutense de Madrid, explicou como estes movimentos afectaron á creación artística.

Tres congresos para contextualizar as Irmandades da Fala
Este foi o segundo dos tres congresos previstos para contextualizar o fenómeno das Irmandades. O primeiro deles, en outubro de 2016, analizou o movemento en clave europea. Daquela, trece historiadores europeos transnacionais puxeron de manifesto que o nacemento das Irmandades no ano 1916 non foi un feito illado senón que entroncaba directamente co que estaba a suceder na Europa do momento.
As conclusións daquel congreso titulado “O contexto internacional das Irmandades da Fala: as nacionalidades na Europa de entreguerras: de imperios a nación”, apuntaron que as reflexións na esfera pública europea sobre os termos “nacionalidade”, “nación”, “autodeterminación” e o “principio da nacionalidades” foron complexas e mudables, ademais de que axudaron a configurar o ambiente en que xurdiron e se desenvolveron as Irmandades da Fala. Tamén se uniu o debate tras a Primeira Guerra Mundial sobre o novo concepto de “minoría nacional”. Ademais, nesas discusións tivo grande influxo a revolución soviética e a súa proclamación de apoio á autodeterminación das nacionalidades. Como reacción implícita a esa declaración, as propostas de paz de Wilson, presidente dos EE. UU., foron interpretadas por boa parte da opinión pública europea, sobre todo nas nacionalidades sen Estado, como un apoio ás súas reivindicacións e o nacemento do concepto de “autodeterminación nacional”. Neste congreso tamén se evidenciou que Cataluña, Portugal e Irlanda foron os grandes referentes externos das Irmandades.
O terceiro dos encontros, en 2018, titularase ”Galicia-América, unha viaxe de ida e volta: ecos das Irmandades da Fala fóra de Galicia” e porá o foco na relación das Irmandades co movemento migratorio.