O Consello da Cultura Galega participa en Nova York nun simposio sobre políticas culturais

O Centro de Posgrao da Universidade de Nova York (5ª Avenida e rúa 34) acolle hoxe venres un simposio sobre políticas culturais titulado “Políticas culturais en España e América Latina: perspectivas comparadas”. Alí participa o Consello da Cultura Galega, representado por Emilia García López, que explicará a acción cultural no exterior que leva a cabo o CCG, así como os obxectivos e desafíos de cara ao futuro.
Conéctate co Consello da Cultura Galega en Facebook, Twitter ou comparte esta nova:

“Políticas culturais en España e América Latina: perspectivas comparadas” é o título do simposio en que participarán, canda a Emilia García López do Consello da Cultura Galega, Eduardo Almirantearena do Consulado Argentino en Nova York, Roberto Brodsky da embaixada de Chile en Washington, Josep Anton Fernández do Institut Ramon Lull e Garbiñe Iztueta do Instituto Etxepare. A intención é coñecer as estratexias de difusión das diferentes culturas tanto nos Estados Unidos como noutros países.

Acción exterior
O Consello da Cultura Galega conta cunha liña de Acción Exterior a través da que proxecta a imaxe da cultura galega fóra das nosas fronteiras. Esta área está marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras e outras institucións pero tamén en encontros, conferencias, exposicións ou publicacións. No marco desta área de actuación participou noutras feiras de ámbito cultural como a Feira de Goteburgo, Líber ou Frankfurt.

Graduate Center of CUNY
O Centro de Posgrao (GC) é a principal institución de doutoramento da Universidade de Nova York (CUNY), a maior universidade pública urbana do país. Segundo figura no seu sitio web, o GC está dedicado exclusivamente á educación de posgrao e fomenta a investigación e a bolsa de estudos pioneiros nas artes e as ciencias, ademais de capacitar estudantes para carreiras en universidades e sectores privados sen fins lucrativos e gobernamentais.
A diferenza das universidades típicas de investigación intensiva, o Centro de Posgrao céntrase exclusivamente na educación de posgrao, con máis de 35 programas de doutoramento e mestrado e 20 centros de investigación, institutos e iniciativas. O centro conta con máis de 200.000 estudantes.