DIA%20DO%20PATRIMONIO%202017

----

Do Consello da Cultura Galega: gravación sonora do Himno Galego en Barcelona (1919)

Co gallo do Día do Patrimonio Mundial, o Consello da Cultura Galega presenta un valioso documento sonoro de 1919: unha versión do Himno Galego interpretado pola Banda Municipal de Barcelona. O disco de lousa orixinal está depositado no Arquivo Sonoro de Galicia.
Do Consello da Cultura Galega: gravación sonora do <i>Himno Galego</i> en Barcelona (1919)



Esta gravación do noso himno pertence a un disco de lousa da Compañía Gramófono no que aparecen unha serie de datos que permiten aproximar a data de gravación. En primeiro lugar, o número de catálogo AG 185, que é común as dúas caras do disco; seguidamente, o número de serie e que neste caso son dous: 260381 e 650564. Esta duplicidade débese o cambio de sede da compañía Gramophone trala I Guerra Mundial. O número 6 indica que é un disco español, o 50 sinala que é música de banda e os tres últimos díxitos son ordinais. Por último, o número de matriz s.20466u. é propiamente o dato da toma da gravación.

Con esta información, o estudoso da fonografía e especialista na Banda Municipal de Barcelona, Antoni Torrent, e o especialista no himno galego, Fernando López-Acuña, conclúen que se gravou esta interpretación do Himno gallego o 9 de outubro de 1919 na cidade de Barcelona.

A Banda Municipal de Barcelona fúndase en 1886 e tivo unha gran trascendencia social, acercando con enorme éxito a música a un amplo sector da poboación. Neste período pertencía á mesma Joan Lamote de Grignon, primeiro como músico maior e despois como o seu director. Se se ten en conta que o Himno gallego, de Pascual Veiga e Pondal, foi estreado en 1907, queda patente o valor patrimonial desta gravación. O Consello da Cultura Galega ten, entre os fondos do Arquivo Sonoro de Galicia, o orixinal - cedeu á propia Banda Municipal de Barcelona unha copia dixitalizada para o seu arquivo- . Hai outras interpetacións, entre outros, do Coro Toxos e Froles de 1922 e de Cántigas da Terra de 1928. A ficha catalográfica completa pode atoparse no catálogo colectivo da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Banda Municipal de Barcelona : Himno gallego [Gravación sonora]. Barcelona : Gramófono, [ca. 1919]

Consultar o rexistro catalográfico